Abre o prazo de solicitudes das bolsas para deportistas da Deputación da Coruña
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destaca un novo incremento do número de bolsas, que nos últimos anos pasaron de 45 a 59, e contan cun orzamento total de 206.500 euros
Cada beneficiario recibirá unha axuda de 3.500 co obxectivo de promover e facilitar a práctica deportiva
As solicitudes pódense presentar ata o día 15 de abril ás 14:00 horas

A Deputación da Coruña, no seu labor de promoción, difusión e apoio ao deporte coruñés, convoca este ano 59 bolsas deportivas de 3.500 euros destinadas a deportistas da provincia que destaquen en competicións federadas a nivel rexional, nacional e internacional.
Cun orzamento total de 206.500 euros, a Deputación volve incrementar este ano as bolsas convocadas, que nos últimos anos pasaron de 45 a 59, segundo explicou o deputado de Deportes, Antonio Leira, "co obxectivo de chegar ao maior número de deportistas e axudalos a desenvolver todo o seu potencial, ter acceso a mellor preparación e competir ao máis alto nivel".
Leira sinalou que "para a Deputación é un gran orgullo que moitos dos grandes nomes do deporte galego e coruñés como Ana Peleteiro, Emmanuel Reyes, Carlos Arévalo ou Belén Toimil comezaran as súas carreira deportivas con estas bolsas e o que queremos é apoiar con elas ás futuras promesas do noso deporte e ofrecerlles un apoio sobre o que poidan desenvolver todo o seu talento".
Presentación de solicitudes
Cada unha das axudas será de 3.500 euros, e poderán optar a elas aqueles deportistas residentes na provincia da Coruña que practiquen algún deporte, en calquera das súas modalidades, incluído no programa oficial dos Xogos Olímpicos ou Paralímpicos de París de carácter individual.
Os e as deportistas poderán solicitar unha única bolsa por unha modalidade deportiva e deberán acreditar a residencia nalgún dos concellos da provincia da Coruña, cunha antigüidade ininterrompida de dous anos.
A convocatoria esixe tamén dispor da licenza deportiva vixente na data de publicación das bases no BOP e acreditar un nivel deportivo na modalidade practicada.
As solicitudes pódense presentar de xeito telemático, a través da plataforma SUBTEL, desde mañá xoves, 27 de marzo, ata o 15 de abril de 2025 ás 14:00 horas.
As bolsas divídense en catro categorías en función das idades dos solicitantes:
Grupo A: 20 bolsas para persoas de entre 12 e 17 anos.
Grupo B: 20 bolsas para persoas de entre 18 e 23 anos.
Grupo C: 15 bolsas para persoas de entre 24 e 32 anos.
Grupo D: 4 bolsas para persoas de 33 anos ou máis.
Acceso ás bases da convocatoria no BOP:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/03/18/2025_0000001697.pdf