Litografía e Imprenta Roel, A Coruña (1872- 1971)
Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano de fundación da biblioteca ata a actualidade.

Hoxe detémonos nun dos precursores mais importantes e lonxevos na nosa mostra, a Litografía e Imprenta Roel. Unha empresa fundada na cidade da Coruña no 1872, por Manuel Roel, e que pechou as súas portas en 1971, polo que estamos a falar de case un século de actividade. O seu edificio, por desgracia xa desaparecido, foi un bo exemplo de arquitectura industrial modernista deseñado polo arquitecto Julio Galán Carvajal.
Roel foi un importante centro de publicacións periódicas, libros e cartelaría polo que pasaron as mais destacadas autorías galegas da época: Eduardo Pondal, Wencesalo Fernández Flórez, Emilia Pardo Bazán, Castelao, Carlos Maside, Álvaro Cebreiro, etc. Unha das mellores imprentas da que saíron revistas ilustradas como Coruña Cómica, Coruña Moderna e Coruña Fúnebre, nas que a caricatura e o aspecto gráfico adquiren unha especial relevancia.
Unha obra publicada por esta imprenta e que podedes atopar en #NotasparaunhaEdiciónCoruñesa é Néveda, a que é considerada a primeira novela escrita en galego por unha muller. Francisca Herrera Garrido é a súa autora e foi a primeira muller en ser elixida para entrar na Real Academia Galega en 1945, aínda que desgraciadamente faleceu antes de que se formalizase o proceso. Francisca Herrera foi unha escritora de poesía, relatos e novelas, moi próxima á figura de Rosalía de Castro.
Néveda foi publicada en 1920 e a súa protagonista reflicte os valores femininos propios da época, tales como a resignación, o sacrificio e a entrega. Temos que ler esta novela, tal como suxire Anxo Gonzalez Guerra na relectura que fai dela no xornal Nós, cos anteollos do tempo pasado: deterse no coidado estilo da súa escrita e ter en conta o seu contexto histórico e social.
Esta publicación ten que verse tamén coma unha das poucas obras en lingua galega do momento, polo tanto todo un esforzo editorial. Néveda volverá a publicarse no 1981 pola editorial Xerais, unha edición da investigadora Camiño Noia.