Estás en:Novas

A Deputación incrementa o seu apoio ao Rácing de Ferrol para promocionar a provincia como destino turístico en toda España

A campaña "A Coruña: unha provincia por descubrir" loce unha tempada máis nas equipacións do equipo verdibranco e nas vallas da Malata

Formoso enmarca o acordo no "apoio continuo" que a Deputación presta ao Racing en cuestións tan importantes como a reforma das gradas e a renovación da iluminación da Malata

A Deputación incrementa o seu apoio ao Rácing de Ferrol para promocionar a provincia como destino turístico en toda España

A Deputación da Coruña renova a súa alianza co Racing de Ferrol para promocionar a provincia da Coruña e a cidade de Ferrol como destino turístico de calidade en toda España.

A campaña "A Coruña: unha provincia por descubrir" loce por terceira tempada consecutiva nas equipacións dos xogadores do club verdibranco e nas vallas do estadio da Malata, grazas a un acordo que supón un investimento de 250.000 euros (100.000 máis que na tempada anterior) e que redunda en beneficio do club, da cidade de Ferrol e da provincia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o deputado de Deportes, Antonio Leira, o presidente do club, Manuel Ansede, e o director xeral e deportivo, Carlos Mouriz, presentaron hoxe na Malata o acordo, xunto con parte dos xogadores e do corpo técnico.

Formoso destacou que nas últimas tempadas o Rácing de Ferrol "ten demostrado un embaixador de luxo para promocionar a provincia da Coruña como destino turístico en toda España" e enmarcou este acordo no apoio continuo que desde a Deputación vimos prestando ao Racing de Ferrol en cuestións tan importantes como a reforma da grada do fondo norte, a renovación do alumeado da Malata para cumprir cos estándares que demanda La Liga para a retransmisión dos partidos por televisión, e agora co incremento na contía deste acordo de colaboración, que sobe de 150.000 a 250.000 euros esta tempada, sinalou o presidente.

Pola súa banda, o presidente do Racing de Ferrol, Manuel Ansede, agradeceu a apoio da Deputación e sinalou que "siempre es muy grato tener interlocutores que te escuchan y te entienden. El apoyo de la Diputación ha sido siempre franco, sincero y honesto. Las expectativas futuras con las inversiones que tenemos previstas en Ferrol pasan por la ciudad deportiva y esperamos contar con la ayuda de las administraciones", apuntou.

A Deputación da Coruña vén de asinar esta mesma semana un acordo similar co Real Club Deportivo da Coruña, polo que os dous equipos da provincia en 2ª División contribuirán á promoción turística no territorio durante a presente tempada.