A Deputación insta á Xunta de Galicia a aceptar a condonación da débeda proposta polo Goberno de España e destinar os fondos á mellora da sanidade, a educación e os servizos sociais
A moción, aprobada no pleno de hoxe, solicita que o goberno galego estableza un mecanismo de seguemento e transparencia para asegurar que "os recursos teñan un impacto directo e positivo no financiamento local"

O pleno da Deputación da Coruña, presidido hoxe polo vicepresidente Xosé Regueira por ausencia de Valentín González Formoso, que participou en Ferrol na presentación da sinatura do protocolo do proxecto Abrir Ferrol ao Mar, aprobou hoxe unha moción presentada polo grupo do PSdeG-PSOE relativa á condonación da débeda das comunidades autónomas co Goberno do Estado. A iniciativa saíu adiante cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e o voto en contra do Partido Popular.
No texto, ínstase á Xunta de Galicia a aceptar a condonación da débeda proposta polo Goberno de España o pasado día 26 de febreiro no Consello de Política Fiscal e Financeira e garantir que os fondos en cuestión se destinarán á mellora dos servizos públicos de sanidade, educación e servizos sociais.
Ademais, o documento solicita á Xunta que estableza un mecanismo de "seguimento e transparencia" para asegurar que "os recursos derivados desta condonación parcial teñan un impacto directo e positivo no financiamento local, os servizos públicos e no investimento nos municipios".
A moción destaca que a situación de "sobreendebedamento" que viven hoxe as comunidades autónomas "ten a súa orixe na política irresponsable de financiamento e recortes dos gobernos do Partido Popular durante as anteriores lexislaturas".
Neste sentido, apúntase que esta "política de austeridade" non permitiu garantir a estabilidade económica, senón que "provocou un endebedamento e colapso financeiro" que, ante a "incapacidade para ofrecer un novo modelo" e a "paralización dos mecanismos de financiamento", obrigou ás comunidades a "endebedarse de forma desmedida para manter os servizos públicos" e xerou "graves desigualdades territoriais".
Ante esta tesitura, o Goberno do Estado "tomou a iniciativa de corrixir este desequilibrio mediante a condonación parcial de débeda", que supón, segundo se cualifica na moción, "un acto de xustiza fiscal coa cohesión territorial e a autonomía económica das comunidades autónomas". Deste xeito, considérase "unha medida imprescindible para garantir o fortalecemento do Estado de benestar e axudar a reducir as desigualdades".
Neste senso, ínstase ao executivo galego a aceptar a proposta do Goberno da nación e, así, acabar "coa irresponsabilidade sistemática" que "demostrou" o Partido Popular cando "abandonou a mesa do Consello de Política Fiscal e Financieira no momento da aprobación da condonación".