A Deputación organiza o 9 de abril en Santiago un encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local
"Queremos ofrecer a presentación de experiencias inspiradoras, espazos participativos para o coñecemento mutuo e o asesoramento para a intervención en materia de normalización lingüística nestes contextos, pero tamén un tempo para o diálogo aberto coa propia Deputación", salientou a deputada de Lingua, Sol Agra

O centro sociocultural Maruxa e Coralia, de Santiago de Compostela, acollerá o 9 de abril, organizado polo departamento de Lingua da Deputación da Coruña, un encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local.
A xornada ten os obxectivos de xerar un espazo de coñecemento mutuo e cohesión entre profesionais do eido da normalización lingüística na provincia; dar a coñecer referentes de interese que poidan inspirar a acción nos diversos territorios; facilitar un espazo de diálogo de calidade e indagación colectiva no que afondar nas posibilidades de intervención en diferentes eidos; e avaliar posibles modificacións nas bases do FONL, o programa de subvencións da Deputación coruñesa, dirixido a concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística.
"Queremos ofrecer a presentación de experiencias inspiradoras, espazos participativos para o coñecemento mutuo e o asesoramento para a intervención en materia de normalización lingüística nestes contextos, pero tamén un tempo para o diálogo aberto coa propia Deputación", salientou a deputada de Lingua, Sol Agra.
Para participar no encontro é preciso inscribirse antes do 8 de abril neste formulario.
Programa
9.30 h. Recepción de participantes
9.45 h. Presentación e apertura institucional. Con Sol Agra, deputada de Lingua.
10 h. 'Mirar arredor'. Dinámica de presentación das participantes.
10.15 h. 'Mirar fóra: micropresentación de experiencias'. Vídeo-presentacións de experiencias de políticas de normalización lingüística no ámbito local doutros territorios. Coa participación de Euskaraldia e do Consorci per a la Normalització Lingüística.
10.45 h. 'Mirar dentro I: políticas lingüísticas en diversas realidades sectoriais'. Retos e oportunidades no cruce entre normalización lingüística e catro sectores diversos. Inclúe os relatorios 'NL e educación', por Por Nel Vidal, docente de ensino secundario; 'NL, economía e emprego', por Marta Besada, técnica NL de Santiago de Compostela; e 'NL e migracións', por Tono Formoso, membro de Fabaloba.
11.45 h. Descanso.
12.15 h. 'Mirar dentro II: espazo de traballo grupal'. Grupos de traballo para afondar nas oportunidades de cada un destes ámbitos.
13. 30 h. Diálogo aberto coa Deputación.
14 h. Peche e despedida.