Estás en:Novas
75º aniversario do pasamento de Alfonso R. Castelao (Cuarta entrega)

Castelao narrador

Un mes máis achegamos a entrega correspondente do noso Guieiro, nesta ocasión, por ser o do libro, imos reparar na súa face narrativa.

Castelao narrador

Castelao narrador

Iniciouse na narrativa con relatos curtos publicados na prensa da época a partir de 1919. En Cousas, Retrincos, Un ollo de vidro e Os dous de sempre establece un conxunto único na narrativa galega que culmina coa colección de ensaios Sempre en Galiza, conectando literatura, política e teoría do galeguismo. A súa visión literaria tenta desmitificar os tópicos costumistas cun humorismo sarcástico e, de cando en vez, esperpéntico.

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922)

é unha novela curta de carácter humorístico centrada no tema de ultratumba: un esqueleto narra a súa actual vida nun cemiterio. Foi traducida ao éuscaro, ao castelán e ao francés.

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete é un texto en prosa escrito por Castelao e publicado en 1922 pola Editorial Céltiga, de Ferrol. Consta dunha serie de secuencias narrativas que acadan unidade estrutural grazas a seren produto dunha conversa entre un narrador, o esqueleto, que lembra secuencias da súa vida pasada, e dous paranarradores, colegas de cemiterio.

O xénero memorialístico asociado á temática do alén constitúe un punto de partida paradoxal pois normalmente as memorias son crónicas dun periplo vital, mentres que aquí, ao ser un esqueleto o protagonista, as memorias recollen as peripecias dunha existencia máis alo da morte. Castelao, no prólogo, diríxese ó lector e indica como atopou as memorias do esqueleto: o sepultureiro facilítalle as "memorias", escritas cun garabullo en anacos de periódico e papeis de fumar. O achado do relato manuscrito é resultado da óptica dun ollo de vidro dunha caveira, pois o narrador, o esqueleto, transcribe o que pode contemplar co ollo de vidro que lle foi posto en vida:

...aquel ollo de vidro que de nada me servira na vida sírveme agora pra mirar.

O humorismo é un recurso esencial do tratamento do tema. Mediante o humor, Castelao revela a cerna dos asuntos tratados, sen concesións ó simplemente anecdótico. Deste xeito descobre os aspectos máis inesperados pero ó mesmo tempo os máis auténticos, que agachan o comportamento dos seus personaxes. Para acadar o humor, sérvese da técnica do contraste entre o riso e a dor e achega un mundo escuro e ruín de xeito que provoca hilaridade sen ser alleo a temas habituais en Castelao como a defensa da lingua, a emigración ou a crítica social, de carácter anticaciquil:

Quixen saber quen fora o vampiro no mundo dos homes e fun le-lo seu nome no rico mármore da campa. O seu nome só abondoume: Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco; dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era..., ¡era un cacique!
Nesta obra obsérvase xa unha estrutura narrativa semellante á da novela Os dous de sempre:

O sintetismo na narración ("nacín, medrei... e un bo día enfermoume un ollo"), provocado pola expresión coidada e traballada que busca a sinxeleza e claridade. Parece unha prosa que xorde sen esforzo, pero que resulta altamente expresiva.
Preséntansenos pequenas historias que se van sumando unhas a outras e que teñen como fío condutor ós personaxes. Estes aparecen caricaturizados mediante a seren caracterizados esquematicamente con pinceladas impresionistas que contrastan co realismo expresionista dalgúns momentos da narración.

Castelao refixo nesta narración un texto co que comezaba a súa conferencia "Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura", ditada en marzo de 1920 na Coruña (da que falamos na segunda entrega, ao falar da caricatura), polo que se pode considerar que recolle en prosa literaria o que el entendía por humorismo.

Un ollo de vidro foi o número 7 da colección Céltiga de novelas breves, e foi impreso cunha portada deseñada polo propio Castelao e seis litografías. Tamén debuxou o cartel publicitario.

Cousas (1926, 1929)

reúne un conxunto de 45 relatos breves acompañados dunha ilustración. Nestes relatos Castelao ofrece un mosaico da realidade galega do seu tempo: o mundo mariñeiro, a emigración, retratos de personaxes... As "Cousas" son a creación máis orixinal de Castelao e supoñen unha síntese entre a narrativa e a plástica. Foi traducida ao castelán,[69] ao italiano,[70] ao éuscaro, ao catalán, ao asturiano e ao inglés.

Cousas foi o termo empregado por Castelao para designar diferentes conceptos. Por unha banda, designa un xénero literario a base de pequenos relatos, que el mesmo desenvolveu e publicou con periodicidade variable na prensa da súa época, ilustrándoos cun debuxo creado especificamente para cada texto, complementándose o un ó outro. Por outra banda, é o título de dous libros que publicou, en 1926 e 1929, nos que recollía eses relatos xornalísticos. Finalmente, a denominación de Cousas da vida designa un innúmero de debuxos cun breve texto a rodapé, que publicou a partir de 1924 nas portadas de Galicia e Faro de Vigo; unha escolma destes debuxos reuniuse posteriormente en seis libros publicados baixo o mesmo título.

Cousas é unha transcendente interpretación de Galicia, unha exploración da súa problemática socioeconómica mediante o desfile de diversos personaxes arquetípicos, que en moitos casos representan os sectores máis marxinados: anciás abandonadas, xentes sumidas na miseria, cegos, vellos, mariñeiros etc. Cada cousa está composta por un texto e unha ilustración complementaria -prima o texto sobre o debuxo- que acadan o fondo dramático dos sucesos desenvolvidos. O texto achega brevemente asuntos, polo xeral de ambiente labrego ou mariñeiro, de temática variada, sintéticos, comprimidos mediante unha técnica narrativa semellante á que Castelao emprega nos seus debuxos: trazos firmes e limpos que denotan o obxecto que se achega en primeiro plano, mentres que o resto da información é pura connotación, suxestión.

A fórmula empregada por Castelao nesta súa obra é moi orixinal, un novo xénero que supera o linde do exclusivamente literario para, coa axuda da imaxe, narrar acontecementos en que se ven inseridos diferentes personaxes cun coidado especialísimo da frase e da palabra, a cal acada por veces un inusitado lirismo. A cousa é a manifestación máis completa do estilo de Castelao, é en si mesma un estilema, pois está presente en toda a súa narrativa, ata o punto de podermos explicar a estrutura de Retrincos e, en menor grao, Un ollo de vidro ou Os dous de sempre, como unha compilación de cousas. Nestes dous últimos títulos existe un fío condutor que relaciona os elementos sucesivos da narración mentres que en Cousas ou Retrincos os distintos capítulos son unidades narrativas totalmente independentes.

 

Entre 1919 e 1927, Castelao publicou en diferentes medios periódicos un total de 58 textos que podemos clasificar baixo o estilo común de cousas. Estes textos adoitaban ir sen título pero baixo as referencias "Contos de Castelao" ou "Cousas de Castelao" (ou, simplemente, "Cousas"). En 1926 publicou, na Editorial Lar, un primeiro libro, baixo o título de Cousas que comprendía 18 daqueles textos máis algún novo e unha introdución, "A carón da natureza". En 1929 publicou, na editorial Nós, un segundo libro de Cousas, con 33 textos novos. En 1934, tamén na editorial Nós, publicou unha recompilación dos dous libros anteriores, incluíndo en total 44 textos e a introdución xa citada; esta edición conxunta foi a que se reeditou posteriormente e a que coñecemos, polo que será a que se segue na relación que se ofrece a continuación.

Case todas aquelas cousas publicadas na prensa pasaron a formar parte destes libros citados, xunto con outras de nova creación (non publicadas anteriormente). Tres cousas reserváronse para Retrincos e outras tres, estas con notables modificacións, convertéronse en cadanseu capítulo de Os dous de sempre. Oito máis non se publicaron en libro.

Comparando as redaccións das cousas primeiro na prensa e logo no libro recompilatorio, compróbase que Castelao foi introducindo diferentes modificacións ó longo do tempo, desde a súa publicación na prensa ata a publicación en libro, modificacións que tanto foron simplemente ortográficas ou menores, do tipo de substitución dunha palabra por outra, como tamén modificacións máis profundas, engadindo ou suprimindo parte do texto. Moitas das ilustracións que acompañaban a cada texto tamén sufriron algunha modificación á hora de pasar ós libros. Outro aspecto que cambiou dun ó outro formato foron os títulos dos textos: nas primeiras versións, en prensa, adoitaban ir sen título ou designábanse polas primeiras palabras do texto. Estes títulos respectáronse cando se converteron en libro, nuns casos, ou cambiaron completamente por outros novos.

Os dous de sempre (1934)

é a única novela longa de Castelao. Presenta a biografía paralela dos dous personaxes, Pedriño e Rañolas, amigos dende a infancia e que encarnan dous xeitos diferentes de concibir a vida. Foi traducida ao castelán[75] e ao éuscaro.

Os dous de sempre é a única novela de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Foi publicada en 1934 pola Editorial Nós, de Santiago. En 1967 Editorial Galaxia tirou do prelo unha segunda edición, con numerosas reimpresións.

Sinopse

Parque do Camiño Real do Casal (en San Xoán de Poio, Pontevedra) Rañolas e Pedriño son dous rapaces que se coñecen desde cativos. Pedriño é o maior dunha familia con moitos irmáns, e vai vivir coa tía Ádega para estudar para crego. Rañolas é un rapaz moi activo, pero que fica orfo e marcha da vila co seu burro.

Pedriño é moi preguizoso, e ten como única preocupación comer. Abandona os estudos por culpa do latín, e malia que o cacique da vila lle consegue un emprego no concello, é expulsado por lambón. Porén, despois conséguelle un posto na administración de Facenda, a cambio de 100 pesos que lle dá a tía. No novo posto, nunha cidade, non se sente cómodo, sendo branco das burlas dos compañeiros e do xefe. Con todo, coñece unha rapaza costureira coa que casa e ten un fillo. Non se leva ben coa sogra, e para evitar andar pola casa vai comer por tabernas cun compañeiro do choio, hábito que abandona ao se decatar de que deixa moitos cartos. Nunha ocasión pensa en ser infiel cunha amiga da muller, pero unha persoa anónima ameázao con avisar á sogra e éntralle o medo. Despois ten unha filla. Co paso do tempo, morren a tía Ádega e mais o cacique don Andrés.
Logo de comezar a roubar pólizas, gastando os cartos en merendolas. Tras ser descuberto, marcha a Arxentina, indo traballar á Pampa cun curmán seu. Logo de fracasar como tendeiro e como pastor de ovellas, regresa á cidade. Alí abandónase á vida descoidada, até que un día, logo dun soño no que se lle presenta o diaño, intenta asasinar a súa sogra cun coitelo. Desde ese momento dona Filomena comeza a respectalo, e conséguelle un traballo cómodo no concello.

Rañolas marcha como esmolante, e logo de practicar a picaresca polas feiras cunha parella, e de cruzar os Pireneos cun afiador ourensán, chega a Lourdes. Alí pasa un tempo aforrando cartos, e logo de pasar unha noite en Baiona, chega a París. Logo duns días vagueando e coñecendo a cidade, comeza a vender prensa. Logo dun encontro co afiador, éntralle morriña, e pensa en regresar a Galiza para traballar de reloxeiro.
Cos cartos aforrados, vai a un cirurxián para que lle corte as pernas e lle instale unhas próteses. Despois monta a reloxería, e comeza a frecuentar a burguesía da vila. Porén, logo de ler A conquista do pan de Kropotkin e Les Ruines de Volney, devén en anarquista. Incómodo coa que entende como a súa escravitude en mans do capital, decide suicidarse, facendo estourar unha bomba na súa casa, deixando escrito na parede a palabra ¡PROTESTO!.


A obra ten unha estrutura marcada polo paralelismo e unha técnica semellante a Cousas. Presenta unha concepción determinista do ser humano, na cal as condicións sociais e a familia determinan a psicoloxía e o devir futuro dos protagonistas.

Está dividida en 44 capítulos, acompañados de cadansúa ilustración do propio autor.

Está centrada na vida de dous protagonistas dende a infancia ata a madurez, con dúas personalidades contrapostas; dúas historias paralelas que seguen camiños diferentes. Os protagonistas presentan dúas perspectivas da condición humana:

Rañolas é un idealista. Malia ser eivado das pernas, sen pai e cunha nai borracha, é agudo, activo e emprendedor, e loita por unha vida mellor e por superar os seus problemas.
Pedriño é un conformista. O fillo máis vello dunha familia pobre, vive cunha tía que o protexe de máis. Lacazán, comellán, ve pasar a vida sen ningún obxectivo.

A acción comeza nunha pequena vila mariñeira. A comezos do século XX, aínda era visible o ambiente rural nas pequenas poboacións urbanas. Con todo, o ambiente máis descrito é o París urbano de mans da viaxe de Rañolas. Tamén aparece reflectida a Pampa arxentina, e a cidade onde marcha Pedro e máis tarde vai traballar Rañolas.


Segundo Ramón Piñeiro, Castelao empregou na redacción desta novela o seguinte protocolo:

En primeiro lugar creou o esquema xeral da obra, unha visión do que ía ser. Este deseño global permitiulle prever a evolución dos personaxes.
A seguir, escribiu un breve esquema de cada capítulo, unha ficha do que ía conter.
Finalmente, desenvolveu cada capítulo tendo en conta a continuidade cos anteriores e seguintes.
Como queira que levaba consigo o paquete das fichas cos capítulos previstos, Castelao podía traballar independentemente con calquera deles segundo a inspiración de cada momento.

Retrincos (1934)

é unha colección de cinco relatos, aparentemente autobiográficos, nos que se narran acontecementos e vivencias do autor en distintos momentos da súa vida. Foi traducida ao esperanto, ao éuscaro, ao catalán e ao italiano.

Retrincos é un libro de 61 páxinas, publicado en 1934 por Nós, consistente nunha colección de relatos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, composta por cinco narracións autobiográficas ("O segredo", "O inglés", "Peito de lobo", "O retrato" e "Sabela"), ordenadas cronoloxicamente e escritas cun mesmo criterio.


Van acompañadas por unha data e un lugar. É a única obra de Castelao sen ilustracións propias, se ben Maside creou cadansúa xilografía para cada relato.

Foi editado en 1934 pola editorial Nós, en Santiago. Como acontecera tamén coas Cousas, tres dos cinco relatos de Retrincos xa foran publicados anteriormente.

Obsérvase nesta obra, como é natural en Castelao, un intenso contacto entre o autor e o lector. Hai interrogacións retóricas que nos fan sentir moi achegados ó relato e que xa aparecen no Limiar.