A Deputación destina 567.317 euros para financiar equipamento e melloras de instalacións a máis de 60 entidades deportivas da provincia
As contías oscilan entre os 3.800 e os 14.000 euros de axudas
A través desta convocatoria sufráganse actuacións a entidades deportivas en toda a provincia como a mellora da iluminación de campos de xogo, compra de embarcacións e outro material deportivo

A Deputación da Coruña vén de conceder un total de 64 axudas a entidades deportivas da provincia coa fin de financiar os custos de novo equipamento ou de traballos de mellora nas instalacións que utilizan no seu día a día durante o ano 2025.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) recolle a concesión das axudas, que no seu conxunto conforman un investimento total por parte da Deputación de 567.317,34 euros. Os importes varían entre un mínimo de 3.800 euros e un máximo de 14.000.
Deste xeito, a Deputación facilitará que máis de medio cento de entidades deportivas poidan adquirir material técnico moi diverso, como guindastres para deporte adaptado en piscina, remoergómetros, canastras, buggys, zodiacs, piraguas ou remolques.
Tamén entran dentro desta liña o financiamento de gastos de obras de reforma e adaptación en edificios, pavillóns e outros inmobles de uso deportivo. Algúns dos casos concretos son os cambios de firme como a substitución de céspede artificial, as instalacións de novos sistemas de iluminación ou as humanizacións das contornas.
As entidades beneficiadas representan unha ampla gama de disciplinas deportivas, xa que hai desde baloncesto, tenis, balonmán, ciclismo ou piragüismo e remo ata billar, hípica, automobilismo, golf ou parapente.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que estes fondos exercen de importante "ferramenta de tracción para que as entidades deportivas poidan levar a cabo a súa actividade diaria, na que é preciso que dispoñan de materiais, equipamentos e instalacións acordes ás súas necesidades".
O responsable do área deportiva da Deputación lembrou que esta liña de axudas medra con respecto á cantidade destinada o ano pasado, ao igual que o orzamento total destinado a Deportes, que é de 7.808.000 euros, un 17,5% máis ca en 2024. Con esta partida, o goberno provincial seguirá apostando por impulsar a actividade de máis de 600 entidades deportivas distribuídas ao longo da provincia.
A resolución provisional da convocatoria pode consultarse en:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/03/27/2025_0000001937.html