Estás en:Novas

Pontedeume acolleu a presentación do libro "Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal"

O libro de Antonio Blanco Carballo está editado pola Deputación para a Comisión Pro Memorial e da Memoria Histórica e recolle a historia silenciada de persoas represaliadas pola ditadura franquista

Pontedeume acolleu a presentación do libro

A Casa da Cultura de Pontedeume acolleu esta tarde a presentación do libro "Memorial e monumento ás vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal", unha obra de Antonio Blanco Carballo editada pola Deputación da Coruña para a Comisión Pro Memorial e da Memoria Histórica.

O libro recolle a historia de persoas represaliadas durante a ditadura franquista nestas comarcas, achegando datos, testemuños e investigacións que contribúen á recuperación da memoria histórica. Ademais, documenta o proceso de creación do monumento situado no barrio de Canido, en Ferrol, un espazo de recordo e homenaxe ás vítimas da represión.

No acto de presentación participaron o alcalde de Pontedeume e deputado portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, xunto co autor do libro, Antonio Blanco Carballo e Anxo Ferreiro Currás, colaborador da obra e represaliado.

Durante a presentación, Bernardo Fernández destacou a importancia deste traballo para "dar a coñecer a historia que moitas veces trataron de silenciar" e "dignificar e manter viva a memoria das persoas que sufriron a dura represión do franquismo por defender a democracia a e liberdade".

"Nestas páxinas atopamos leccións de valentía, xustiza e solidariedade que nos lembran que a democracia é un tesouro que debemos preservar e que, malia os intentos de reescribir a historia, a verdade e a dignidade prevalecerán sempre", afirmou Bernardo Fernández, que incidiu no compromiso da Deputación da Coruña coa divulgación da memoria histórica.

Antonio Blanco Carballo expuxo algúns dos episodios recollidos na súa investigación e subliñou a necesidade de seguir estudando e visibilizando ante a sociedade estes feitos para que as xeracións futuras coñezan a verdade sobre a represión franquista e as consecuencias que esta tivo para a vida de centos de persoas.

O acto contou cunha ampla asistencia de público, entre os que se atopaban familiares das vítimas, representantes institucionais e persoas interesadas na historia da comarca.