A Deputación e Concello de Ferrol asinan o conenio para recuperar as baterías de Monteventoso
Valentín González Formoso e José Manuel Rey Varela asinaron hoxe o convenio polo que Ferrol delega na Deputación o proxecto e as primeiras obras de recuperación de Monteventoso, nas que investirá 432.780 euros
Incluirá a rehabilitación do edificio do observatorio meteorolóxico, a reparación da edificación do posto de mando e a creación de itinerarios de visita, entre outras actuacións
Este plan engádese ás intervencións nas baterías de Ares e Valdoviño, coas que se completa unha primeira fase do proxecto de recuperación orzamentada con máis dun millón

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinaron esta mañá o convenio polo que o Concello de Ferrol encomenda á Deputación a execución do proxecto e as obras de recuperación e acondicionamento das baterías militares de Monteventoso.
O convenio enmarca un conxunto de traballos iniciais financiados integramente pola Deputación con 432.780 euros, cos que contribuirá a pór en valor as edificacións militares situadas na costa de Ferrol e a súa contorna.
Formoso explicou que con este acordo, Monteventoso súmase a Bailadora (Ares) e Campelo (Valdoviño) e enmárcase dentro do Plan de Recuperación de Baterías Militares da Costa de Ferrolterra impulsado pola Deputación da Coruña cun orzamento inicial de 3 millóns de euros, dos que 1 millón provén de fondos propios da Deputación e 2 millóns de fondos europeos do Plan de Recuperación do Goberno de España, concedidos a través dun Plan de Sustentabilidade Turística (PSTD) tamén solicitado pola institución provincial. "A concesión destes fondos europeos avala e reforza o noso proxecto de rehabilitación das baterías de defensa da costa de Ferrolterra como proxecto estratéxico para que xerará novas oportunidades económicas no territorio", apuntou o presidente.
"Esta é unha primeira fase dun proxecto moi ambicioso, que obviamente vai a requirir un investimento maior e que se prolongará durante varios anos, pero creo que o resultado pagará a pena en termos de recuperación dun patrimonio tan emblemático para Ferrolterra e do enorme potencial turístico que supón, tal como nos contaron distintos expertos de toda Europa no congreso que organizamos sobre esta cuestión aquí en Ferrol hai dous anos e no que se expuxo o resultado de experiencias similares noutros puntos do continente", apuntou o presidente da Deputación.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, agradeceu o investimento da Deputación para recuperar o patrimonio militar de Monteventoso, cedido no seu día ao Concello polo Ministerio de Defensa, e sinalou a importancia da colaboración entre administracións para desenvolver proxectos importantes coma este.
"Ferrol non pode perder ningunha oportunidade e estamos agradecidos á Deputación desta oportunidade para pór en valor conxuntamente un edificio estratéxico", sinalou o alcalde, que afirmou que en Ferrol c"ontamos cun legado militar excepcional, ligado a acontecementos trascendentes da nosa historia e é de xustiza poñer en valor ese patrimonio, recuperando os espazos degradados, protexendo as instalacións de dándolles novo usos".
Monteventoso
Segundo explicou Formoso, a Deputación iniciará agora a redacción do proxecto, que no caso de Monteventoso incluirá a rehabilitación do edificio do antigo semáforo e observatorio meteorolóxico, que conta cunhas das vistas máis espectaculares de Galicia, permitindo o seu uso para hostalería e miradoiro excepcional sobre o mar Atlántico. Ademais, poderíase destinar unha sala a exposición ou centro de interpretación da contorna.
Así mesmo, realizarase un tratamento de limpeza e reparación das obras de fábrica da edificación do posto de mando, así como do resto de locais, comunicacións e corredores.
Outras actuacións contempladas con cargo aos fondos da Deputación serán a roza e acondicionamento das zonas verdes da contorna, a creación de itinerarios debidamente sinalizados e a posta en marcha dunha estrutura informativa sobre o Plan de 1926, ao que pertenceu o posto de mando, a través de paneis, códigos QR e aplicacións de móbil.
Ademais, estudarase unha proposta sobre a posibilidade de darlle ao búnker e ao túnel un futuro uso museístico sobre a historia das baterías da costa.
Con cargo aos fondos do PSTD inclúense tamén obras para a recuperación do observatorio meteorolóxico de Monte Ventoso, a creación do aparcadoiros disuasorios no acceso ás baterías de Monteventoso e Campelo, a adecuación do firme de acceso ás baterías militares con zona para peóns e ciclistas, a creación e sinalización de camiños ciclables entre Campelo Alto e Campelo Baixo e de conexión coa batería de Doniños, en Ferrol; a mellora do alumeado eficiente no centro histórico de Ferrol e no entorno das infraestruturas do patrimonio militar, a creación dunha páxina web e un mapa virtual cos recursos turísticos, a recuperación e limpeza do baluarte de San Xoán, o desenvolvemento de ferramentas dixitais sobre o patrimonio histórico do centro de Ferrol e as baterías militares da Costa Ártabra e a rexeneración de zonas verdes e parques públicos.