Estás en:Novas

O premio Andrés Gaos estrea formato e premiará obras para orquestra e para ensemble

A dotación increméntase ata os 13.000 euros, 6.500 para cada unha das dúas modalidades

A convocatoria estará aberta entre o 9 de abril e o 30 de maio

O premio Andrés Gaos estrea formato e premiará obras para orquestra e para ensemble

Xa se coñecen as bases do XVI Premio Internacional Andrés Gaos de composición musical, que convoca a Deputación da Coruña e que neste edición estrea formato para premiar obras en dúas categorías: orquestra e ensemble. O prazo de admisión de partituras estará aberto entre o 9 de abril e o 30 de maio, e a dotación do certame increméntase ata os 13.000 euros, 6.500 para cada unha das modalidades.

Só se admitirá unha obra por participante, de tema e extensión libres, pero cunha duración recomendada de entre 10 e 20 minutos. Na modalidade para orquestra, o modelo máximo para a execución das obras será o seguinte: 2 frautas, 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots, 4 trompas, 2 trompetas, 2 trombóns, 2 percusionistas, 8 violíns primeiros, 8 violíns segundos, 6 violas, 6 violonchelos e 4 contrabaixos. Admitiranse ademais estes instrumentos de vento de madeira (tamén como instrumento auxiliar): frauta, frautín, corno inglés, clarinete baixo e contrafagot. Así mesmo, é posible unha distribución de só cordas.

Na modalidade para ensemble (formato de cámara), as obras presentadas poderán terá unha formación mínima de 3 instrumentos e un máximo de 7, dentro do orgánico seguinte:· 1 voz de soprano solista, 1 frauta (tamén frauta baixa e frautín), 1 clarinete (tamén clarinete baixo), 1 percusionista, 1 piano, 1 acordeón, 1 violín, 1 viola, 1 cello e 1 contrabaixo. Non se admitirá a integración de instrumentos adicionais.

Na modalidade para orquestra, as tres persoas finalistas serán invitadas a unhas xornadas de traballo coa Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). O último día desas xornadas interpretaranse as tres obras finalistas, entre as que o xurado proporá a obra gañadora. Na modalidade para formato de cámara, a obra gañadora será interpretada polo ensemble que seleccione a Deputación.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidirá un xurado que formarán unha persoa proposta pola OSG, dúas persoas de recoñecido prestixio nos panoramas musicais estatal ou internacional e dúas persoas de referencia no ámbito musical galego.

As bases poden consultarse e descargarse no BOP do 28 de marzo.