Estás en:Novas

A Deputación da Coruña recibe ao Baxi Ferrol tras o seu histórico subcampionato europeo

O presidente da Deputación da Coruña rende homenaxe ao equipo ferrolán: "Para nós sodes sempre campioas, grazas por recuperar a ilusión polo baloncesto en Ferrol"

A vicepresidenta do Baxi, Almudena Marcos, agradece o apoio "da mellor afección do mundo"

A Deputación da Coruña recibe ao Baxi Ferrol tras o seu histórico subcampionato europeo

A Deputación da Coruña acolleu este luns unha recepción oficial ao Baxi Ferrol, tras a súa proclamación como subcampioas da Eurocup feminina de baloncesto.

O acto, celebrado no salón de plenos, contou cunha representación dos distintos grupos políticos da corporación, co deputado de Deportes, Antonio Leira, e estivo presidido polo titular da institución provincial, Valentín González Formoso, que quixo recoñecer o mérito do equipo e a súa traxectoria na tempada.

Na súa intervención, Formoso destacou que o logro do Baxi Ferrol "non é só un éxito deportivo, senón un auténtico fito que xa forma parte da historia do baloncesto galego". En palabras do mandatario provincial, o subcampionato europeo é "froito do talento, do esforzo constante, do traballo en equipo e dunha ilusión que nos contaxiastes a todas e todos".

Durante o acto, no que participaron as xogadoras, o corpo técnico e a directiva do equipo, así como representantes da afección, o presidente da Deputación destacou os valores que representa o club ferrolán. "Para nós sodes sempre campioas. Grazas por recuperar a ilusión polo baloncesto en Ferrol e por levar o nome da cidade ao máis alto do deporte europeo"

O presidente subliñou o papel do Baxi Ferrol como inspiración para as novas xeracións: "Sodes un exemplo para moitas nenas e nenos que soñan con xogar, con competir, con crecer no deporte" e reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña co club e co deporte feminino: "Apoiar o Baxi Ferrol non é só apoiar un equipo: é apostar por un proxecto que transforma, que educa, que fai cidade e que fai país".

Pola súa banda, a vicepresidenta do Baxi, Almudena Marcos, agradeceu a recepción e o apoio constante ao Baxi da Deputación "a onde regresamos despois de dous anos, porque aquí celebramos tamén o retorno do Baxi á liga feminina Endesa. Naquel momento non podiamos nin imaxinar o que nos depararían estes meses, é moito máis do que podíamos soñar".

"Estamos asimilando as emocións e sentimentos vividos estas semanas", afirmou Almudena Marcos, que agradeceu o apoio "da mellor afección do mundo" e de empresas e institucións que nos acompañaron neste camiño, en particular a Deputación polo seu compromiso co baloncesto feminino e, en particular, co noso club. Por iso queremos pedirlles que sigan soñando con nós", concluíu.