Estás en:Novas
Notas para unha edición coruñesa

Editorial Lar (1924-1928)

Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano de fundación da biblioteca ata a actualidade.

Editorial Lar (1924-1928)

O Mariscal: traxedia histórica en verso é unha das grandes obras do teatro galego, sen embargo a súa historia ben podería dar para outra obra teatral ou película. Un longo camiño de intentos de publicación dende que foi rematada en 1921 ata que finalmente puido ser publicada no ano 1926 pola editorial Lar (A Coruña), nese momento dirixida por Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal. A isto lle seguirían outras tantas tentativas de representala e incluso de traducións ao castelán non autorizadas.

Este texto tráxico, escrito por Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas, cóntanos a historia de Pedro Pardo de Cela, todo un símbolo da resistencia da nobreza galega fronte a castelá. A obra usa o estilo das antigas cantigas de cego para narrar a historia en verso e afondar na lenda desta figura.

O exemplar da nosa mostra pertence á 1ª edición, feita por Lar dentro da súa colección "Biblioteca teatral Lar". Nesta edición atopamos un prólogo, toda unha declaración de intencións por parte dos autores da obra, e tamén podemos gozar dos debuxos do artista Álvaro Cebreiro. Estas dúas cousas pérdense na 2ª edición da obra, feita pola editorial Nós no 1929, ano en que se representa por primeira vez.

Volverá a levarse aos escenarios no 1994 polo Centro Dramático Galego, en teatro de monicreques, e tamén no 2010 nunha representación musicada pola Orquestra Sinfónica de Galicia.

O Mariscal é un dos catro libros que a editorial Lar publica con ilustracións dentro da obra, algo excepcional. Non o é o coidado grafismo nas súas obras: un bo exemplo é a súa recoñecible colección Lar de novelas curtas, todas coa mesma cuberta e contracuberta en diferentes cores, deseñada polo artista Camilo Díaz Baliño.

Lar (1924-1928) foi unha editora moderna que tivo esa visión comercial de chegar a maior número de xente posible, pero sen desbotar a tarefa de publicar obras de gran importancia e compromiso como é o caso de "O Mariscal".

Ademais foi o texto escollido para a primeira ópera en galego, composta por Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, e que se estreou en Vigo no 1929.

Imaxe páxina web liña do tempo destacado 5.png