Cristina Capelán inaugura no Pazo de Mariñán o IV Congreso Internacional de Criminalística Aplicada, centrado nos desafíos do medio rural

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, inaugurou esta mañá no Pazo de Mariñán o IV Congreso Internacional de Criminalística Aplicada, que nesta edición pon o foco nos perfís criminais e nas novas ameazas que afectan ao medio rural.
Durante a súa intervención, Capelán destacou a importancia de xerar espazos de diálogo e formación que contribúan a mellorar a seguridade e a xustiza, especialmente nas contornas rurais, onde factores como a dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación e a escaseza de recursos dificultan a prevención e detección de delitos.
A deputada advertiu sobre o preocupante impacto da violencia de xénero nestes ámbitos, lembrando que máis da metade das mulleres asasinadas en España por esta causa en 2024 vivían en municipios de menos de 30.000 habitantes. "É urxente reforzar os mecanismos de apoio e os recursos de atención nestas zonas e na Deputación, dentro das nosas competencias, estamos traballando neste ámbito", subliñou.
Capelán tamén se referiu a outras ameazas crecientes no rural, como os roubos en vivendas illadas, as estafas a persoas maiores e mesmo a presenza de redes de narcotráfico, e puxo en valor o papel da criminalística aplicada como ferramenta fundamental para facer fronte a estas realidades.
"A resposta institucional debe adaptarse ás características do territorio, e iso implica formar e dotar de recursos aos profesionais que traballan no rural", afirmou. Así mesmo, reafirmou o compromiso da Deputación da Coruña con iniciativas que melloren a seguridade e o benestar da cidadanía.
O congreso, que se celebra ata o 23 de abril en Bergondo, reúne a expertos e expertas en criminoloxía, criminalística e ciencias forenses de ámbito nacional e internacional, e abordará cuestións como os avances tecnolóxicos en investigación criminal, a neurociencia aplicada ao dereito penal ou a psicopatoloxía forense.