Formoso salienta en Dumbría o papel clave do PEL da Deputación para crear emprego e actividade económica no rural
O presidente da Deputación visitou o municipio para coñecer de preto o impacto das axudas do PEL e entregar un novo vehículo para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que mellorará as condicións laborais das traballadoras que atenden a persoas maiores
A Deputación cofinancia este ano 6.000 horas de axuda no fogar en Dumbría e 75.000 na comarca da Costa da Morte

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o Concello de Dumbría, onde foi recibido polo alcalde, Raúl González Lado, nunha xornada dedicada a poñer en valor o impacto do Plan de Emprego Local (PEL) da institución provincial no tecido económico e empresarial do rural.
Ao longo da mañá, o presidente e o alcalde visitaron dous dos establecementos do municipio que recibiron axudas do PEL nos últimos anos: a pensión rústica As Pías e o Hotel Boutique Mar do Ézaro, dous exemplos de emprendemento e iniciativa empresarial que apostan por crear riqueza e emprego desde o propio territorio.
Nos últimos cinco anos, a pensión As Pías percibiu máis de 51.000 euros en axudas destinadas á contratación de persoal, investimentos de mellora nas súas instalacións e pagamento de cotas de autónomos, mentres que o Hotel Mar do Ézaro superou os 57.000 euros en apoios do PEL para contratar persoal desenvolver o seu proxecto empresarial e consolidarse como referente de calidade turística na zona.
Desde 2017, o PEL concedeu en Dumbría un total de 103 axudas por importe de case 1,3 millóns de euros, a maior parte delas para contratacións (financian o 70% do salario do traballador/a empregado durante o primeiro ano e o 50% no segundo ano), o que permitiu crear 38 empregos no municipio.
Formoso destacou a importancia do PEL como "un instrumento fundamental para apoiar aos autónomos, peme e emprendedores do rural", subliñando que "sen emprego non hai futuro no rural, e por iso as políticas públicas de desenvolvemento económico deben ter como prioridade crear emprego e xerar oportunidades nos concellos máis pequenos".
Desde a súa posta en marcha, o PEL suma un investimento total de 119 millóns de euros na provincia, consolidándose como unha das apostas estratéxicas da Deputación da Coruña para o desenvolvemento local e a loita contra o despoboamento. As cifras avalan o seu éxito, con 7.700 empregos creados nos sectores público e privado, 2.700 pequenas empresas beneficiadas con axudas para investimentos e modernización e 4.000 persoas autónomas que viron bonificada a súa cota mensual á Seguridade Social.
Formoso destacou tamén a versatilidade do programa: "Unha das grandes fortalezas do PEL é que permite que as empresas combinen diferentes liñas de axuda segundo as súas necesidades: contratación de persoal, investimentos...tal e como vimos hoxe nestes dous negocios de Dumbría, que ao longo dos anos foron adaptando o tipo de apoio recibido á súa evolución empresarial".
O presidente lembrou que este tipo de políticas "non só contribúen a mellorar a economía local, senón que tamén axudan a fixar poboación e garantir que os nosos concellos rurais sigan sendo espazos vivos, con actividade e futuro".
Pola súa banda, o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, destacou a importancia que para os pequenos concellos tivo a creación do PEL, "que axuda ás pequenas empresas e autónomos a crear oportunidades laborais e a que os pequenos negocios podan crecer e consolidarse". "Son un apoio fundamental, tamén para os concellos, pois tamén nos permite contratar persoal para atender os servizos esenciais municipais"
56 obras que melloran a calidade de vida no municipio
Durante a mañá, o presidente e o alcalde visitaron tamén as melloras realizadas nos servizos e accesos a Canelas e ao núcleo de Santo, no Ézaro, dúas das 56 obras que a Deputación leva financiado en Dumbría con cargo ao Plan Único (POS+), o programa de obras e e servizos da institución provincial, que desde a súa creación suma investimentos por preto de 8 millóns de euros no municipio.
Formoso destacou que o POS+2025 incrementou este ano a súa achega inicial nun 72%, o que supón que Dumbría recibe 879.252 euros para destinar a obras, mellora de servizos e gastos sociais que se deciden desde o propio concello e que contribúen a mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Melloras para o Servizo de Axuda no Fogar
No marco da súa visita institucional, Valentín González Formoso fixo entrega tamén ao Concello de Dumbría dun novo vehículo para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que será empregado polas traballadoras que atenden diariamente ás persoas maiores do municipio. Trátase dun Peugeot 2008 Allure Hybrid que permitirá mellorar as condicións de traballo das profesionais, evitando que teñan que empregar os seus vehículos particulares nos desprazamentos.
Formoso lembrou que esta era unha demanda trasladada polas propias traballadoras durante visitas anteriores e celebrou poder dar resposta cunha medida que "as axuda na súa labor diaria e mellora a súas condicións laborais, de seguridade e benestar".
A Deputación da Coruña destina este ano un total de 9,1 millóns de euros a financiar o SAF nos concellos de menos de 20.000 habitantes, garantindo así a prestación de 395.804 horas de servizo en toda a provincia. No caso concreto de Dumbría, a achega da institución provincial ascende a 164.000 euros, cos que se financia a contratación de dúas persoas especialistas en servizos sociais e a cobertura de 6.000 horas de atención domiciliaria.
Con Dumbría, xa son 20 os concellos da provincia da Coruña que contan con vehículos financiados pola Deputación para os desprazamentos do persoal do SAF: As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Santiso, Toques e agora tamén Dumbría.
Formoso concluíu a visita reafirmando "o compromiso da Deputación co rural, co emprego e cos servizos sociais, apostando por políticas públicas que melloran a vida das persoas e xeran oportunidades nos concellos pequenos da nosa provincia".