Estás en:Novas

O xoves comeza o XII Carballo Interplay, a edición “máis diversa, social e inclusiva”, co apoio de Cultura da Deputación

O Museo de Bergantiños acolleu esta mañá a inauguración, onde participaron o vicepresidente e concelleiro de Carballo, Xosé Regueira, e a deputada de cultura, Natividade González

Regueira sinalou que o Interplay é un "evento" que "comezou coma un festival de webseries e cos anos foi mellorando e adaptándose tamén ás novas tendencias. Pero o Interplay agora mesmo é moita máis ca iso: é un espazo de debate, de diálogo, de tendencias; un espazo para deliberar, no que todas as persoas que teñen algo que contar atopan o lugar perfecto para facelo"

Para a deputada de cultura, o Carballo Interplay é "un espazo de liberdade e de vangarda, que contribúe tamén á dinamización económica, ao turismo cultural e á proxección exterior do noso potencial creativo. Por iso, desde a Deputación seguiremos poñendo os recursos ao servizo de festivais como este, que fan da cultura un motor de transformación social e de orgullo colectivo"

O xoves comeza o XII Carballo Interplay, a edición “máis diversa, social e inclusiva”, co apoio de Cultura da Deputación

O Museo de Bergantiños converteuse esta mañá no escenario de presentación dunha nova edición do Carballo Interplay, cunha programación que pon o foco na diversidade e a inclusión para crear espazos libres e seguros en redes, con grandes nomes como Facu Díaz, Miguel Maldonado ou Ana Polo e máis dunha ducia de proxeccións de webseries de todo o mundo. O Carballo Interplay cumpre doce anos como un evento de referencia en Galicia, o único dedicado a tratar desde a reflexión, a diversidade e a aprendizaxe as tendencias na rede e pioneiro en crear un espazo de encontro físico entre as persoas que crean contido no dixital.

Organizado polo Concello de Carballo e Carballo Turismo, con dirección e produción de Cósmica Producións, o Interplay contará, un ano máis, co apoio da Deputación da Coruña, representada hoxe na inauguración pola deputada de Cultura, Natividade González, e polo vicepresidente, Xosé Regueira, que estiveron acompañados polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; polo director da AGADIC, Jacobo Sutil, e polas directoras do Interplay, Sonia Méndez e Andrea Villa.

O vicepresidente, Xosé Regueira, sinalou que o Interplay é un "evento" que "comezou coma un festival de webseries e cos anos foi mellorando e adaptándose tamén as tendencias que van aparecendo na rede. Pero, o Interplay agora mesmo é moita máis ca iso: é un espazo de debate, de diálogo, de tendencias; un espazo para deliberar, no que todas as persoas que teñen algo que contar atopan o lugar perfecto para facelo".

Regueira tamén destacou que "vendo a programación, creo que esta é a mellor edición de todas as celebradas. Eu agardo que ese impulso siga medrando, por iso quero convidar a todo o público a que veña ver as propostas e que participe, pois son actividades abertas á participación; que coñeza, en definitiva o festival, para poder enriquecerse. E convido non só ao público máis novo e non só ao de Carballo, senón ao de todas as idades, de toda a provincia da Coruña e de toda Galicia".

A deputada de cultura, Natividade González, agradeceu á organización e ao Concello de Carballo a posta en marcha dun "festival pioneiro, atrevido e necesario, que xa é un referente no ámbito das narrativas dixitais e da creación contemporánea., convertido nunha cita de referencia no panorama galego e estatal", e tamén a Xosé Regueira, "por saber mirar máis alá do cotián, por apostar pola innovación e por dar proxección a Carballo como epicentro da creatividade e da innovación cultural, non só con esta iniciativa, senón con moitas outras que levan a marca da imaxinación, do compromiso e da visión estratéxica".

González sinalou que dende a Deputación "estamos orgullosas de apoiar o Carballo Interplay" a través da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais para o desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas, "un programa co que buscamos consolidar un tecido cultural forte, diverso e arraigado no territorio". Neste sentido, destacou que o Carballo Interplay "representa todo no que cremos: dialoga co presente e coa mocidade; explora novas linguaxes e plataformas; defende a nosa lingua e cultura sen complexos, e convida a pensar, a crear e a compartir". "É, en definitiva", engadiu, "un espazo de liberdade e de vangarda, que contribúe tamén á dinamización económica, ao turismo cultural e á proxección exterior do noso potencial creativo. Por iso, desde a Deputación da Coruña seguiremos a poñer os recursos ao servizo de festivais como este, que fan da cultura un motor de transformación social e de orgullo colectivo".