A Deputación promove o deporte base co Circuíto de Baloncesto 3x3, que se celebrará en Carballo, Ordes e Brión
A competición busca fomentar o deporte entre os máis pequenos e pequenas da provincia

A Deputación da Coruña pon en marcha o Circuíto de Baloncesto 3x3 Deputación da Coruña, unha proposta dirixida ao deporte base e que se desenvolverá en tres concello da provincia: Carballo (fase previa- 7 de xuño), Ordes (fase previa- 14 de xuño) e Brión (fase final-28 de xuño).
A iniciativa, que se realiza en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, está dirixida a nenos e nenas nados entre 2011 e 2016 con licenza federativa para a presente tempada 2024-2025 e pertencentes a equipos de baloncesto da provincia da Coruña.
Establécense tres categorías: Preminibasquet (nados no 2015 e 2016), minibasquet (nados no 2013 e 2014) e infantil (nados no 2011 e 2012).
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que con esta actividade, a Deputación busca impulsar a práctica do baloncesto entre os máis pequenos e impulsar o deporte de base, como fai xa cos circuítos doutras disciplinas deportivas como o atletismo e o balonmán.
Cada club poderá inscribir un máximo de tres equipos, que estarán integrados por un máximo de catro xogadores e un mínimo de tres. Ademais, cada equipo deberá contar cun responsable que terá que ser un representante do club con licencia federativa e maior de idade.
Inscricións abertas
As inscricións, que son completamente gratuítas, deben realizarse a través da intranet no portal de clubs da Federación Galega de Baloncesto: https://fegaba.gesdeportiva.es/clubes. Poderanse inscribir un máximo de 16 equipos por categoría e sedes das fases previas.
Os partidos celebraranse en xornada única en horario de mañá e tarde. A organización reservarase a posibilidade de axustar os emprazamentos segundo as previsións meteorolóxicas.
A competición consta dunha fase previa con dúas sedes que se xogará en forma de liga de grupos, cun máximo de catro equipos, establecidos por sorteo puro e a dobre volta. Na fase final participarán os 16 mellores equipos de cada categoría en base aos puntos sumados na fase anterior. O formato de xogo será de play-off, con cabezas de serie que se establecerán en función da clasificación na fase previa, e o resto de equipos por sorteo puro.
Os equipos máis destacados na fase previa recibirán un trofeo e medallas; na fase final serán agasallados cun trofeo, medallas e vales para a compra de material deportivo en establecementos da provincia