Estás en:Novas

A Deputación pon á Asociación de Mulleres Cabanas Rural como exemplo de dinamización do rural

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, sinala a contribución da entidade, que agrupa a 190 socias, para ofrecer espazos de participación e preservar tradicións que forman parte do noso patrimonio cultural

A Deputación pon á Asociación de Mulleres Cabanas Rural como exemplo de dinamización do rural

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, visitou este mércores a Asociación de Mulleres Cabanas Rural de Lavandeira, onde tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as numerosas actividades que desenvolve a entidade, así como os procesos tradicionais de fiado da lá que manteñen vivas grazas ao traballo colectivo das súas integrantes.

Durante a visita, Capelán destacou a importancia do labor da asociación, que conta con 190 socias, como exemplo de dinamización social no rural: "Este tipo de iniciativas son fundamentais para ofrecer espazos de participación, fomentar a vida comunitaria e preservar tradicións que forman parte do noso patrimonio cultural", afirmou.

A entidade recibiu recentemente unha subvención da Deputación da Coruña para a adquisición de material informático —un ordenador e unha impresora— que lles permitirá mellorar o acceso ás novas tecnoloxías e reducir a fenda dixital, facilitando así o desenvolvemento das súas actividades e a súa presenza en liña.

A visita rematou cun encontro entre a deputada e as integrantes da asociación, nas que estas amosaron parte das prendas elaboradas coa lá fiada artesanalmente, nun proceso que segue a transmitir saberes tradicionais de xeración en xeración.