Estás en:Novas
Notas para unha edición coruñesa

Bibliófilos Gallegos (1949-1992)

Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano da fundación da biblioteca ata a actualidade.

Bibliófilos Gallegos (1949-1992)

O inicio da Guerra Civil, sinala o comezo dunha nova etapa na actividade editorial da provincia da Coruña, e de Galicia. A publicación agora estará sometida a condicionantes ideolóxicos e baixo a mirada da censura. Como consecuencia, durante os primeiros anos da posguerra, resultou moi difícil atopar obras en galego ou mesmo referidas a Galicia.

No intento de poñer remedio a esta situación, xurdiu en 1949 a Editorial de los Bibliófilos Gallegos, en Santiago de Compostela. Foi fundada por Francisco Javier Sánchez Cantón e Xosé Filgueira Valverde, entre outros. Desde os seu inicios, estivo vinculada ao desaparecido Seminario de Estudos Galegos e ao recentemente creado Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. En 1992, disolveuse como sociedade anónima para constituírse en Fundación.

Foi creada coa finalidade de difundir o libro galego, mediante a reedición de obras clásicas e a publicación de novos orixinais de autores contemporáneos, en galego e en castelán, que permitisen afondar no coñecemento das letras, as artes e os costumes de Galicia.

Durante os seus primeiros anos de vida levou a cabo unha grande actividade, coa produción de tres ou catro títulos anuais, a convocatoria de premios de novela e tradución, presenza na prensa da época e a creación de catálogos comerciais. Mais, pouco despois, comezaría a diminuír.

A primeira das súas coleccións, Biblioteca de Galicia, contou con dúas series, unha de reedicións e outra de textos inéditos, na que se publicaron estudos históricos, textos xornalísticos, poesía, narrativa ou traducións, como O Novo Testamento ou a Sagra Biblia en galego.

A ela pertence A xente dá Barreira, de Ricardo Carvalho Calero, unha das obras que poden verse na Mostra.

Ricardo Carvalho Calero foi un escritor, estudoso da lingua e literaturas galegas e profesor ferrolán. En 1958, ingresou na Real Academia Galega. Ademais dunha extensa obra ensaística, escribiu poesía, teatro e narrativa, e colaborou con destacadas revistas literarias e diversos xornais. Tamén desenvolveu un amplo labor como editor de obras clásicas galegas.

Atopábase en Madrid, cando estalou a Guerra Civil. Participou nela, no bando republicano, e, tras o fin da contenda, foi encarcerado, en Jaén. En 1941, foi liberado e regresou á Ferrol. Escribiu entón diversos textos, entre eles A xente da Barreira.

A nova situación política despois da guerra, levou a certos autores a emprender a reconstrución da cultura en lingua galega, centrando os seus esforzos na prosa, ao considerar que xa existía unha tradición consolidada de poesía.

Neste contexto xurdiu A xente da Barreira. Esta foi a primeira novela publicada en galego na posguerra, en 1951. A publicación conta con ilustracións interiores, realizadas por Agustín Portela Paz, e nela relátase a historia dunha familia fidalga do rural galego, na transición do século XIX ao XX, e a súa relación cos demais personaxes que se moven arredor do pazo.

O texto foi gañador do primeiro certame de novela galega organizado pola editorial Bibliófilos Gallegos, en 1949, que premiaba a mellor novela de ambiente galego, escrita en galego ou en castelán. Nun primeiro momento, o autor escribiu nunha serie de relatos independentes baseadas en feitos reais. Mais o concurso premiaba a mellor novela de ambiente galego, polo que decidiu darlle unha nova estrutura ao texto, coa que sería despois publicado. Deste xeito, a obra está dividida en unidades que funcionarían por separado unidas polos personaxes e o escenario, a casa da Barreira. É unha narración moi sinxela que entronca directamente coa narrativa do século XIX nun intento de reafirmar as raíces da tradición galega que se tenta recuperar.

A Editorial dos Bibliófilos Galegos, nace na posguerra co obxectivo de recuperar, dalgunha maneira, a actividade editorial, case nula naqueles días no que respecta ao libro en galego. Publicou algún dos títulos emblemáticos da literatura galega dese tempo, como A xente da Barreira.

Imaxe páxina web liña do tempo destacado 7.png