Estás en:Novas

A Deputación presenta a súa programación anual para a celebración das Letras Galegas 2025

Trátase dunha iniciativa conxunta das áreas de lingua e cultura da Deputación

O Palco da Música acolleu hoxe a presentación, na que participaron as deputadas de lingua, Soledad Agra, e de cultura, Natividade González, así como algúns dos artistas que forman parte do programa

As actividades, que inclúen concertos, obras de teatro, contacontos, obradoiros de escrita ou proxeccións, desenvolveranse en máis de 25 concellos da provincia durante todo o ano

A Deputación presenta a súa programación anual para a celebración das Letras Galegas 2025

A Deputación da Coruña presentou esta mañá no Palco da Música todas as actividades que levará a cabo con motivo das Letras Galegas 2025. As deputadas de lingua, Soledad Agra, e de cultura, Natividade González, foron as encargadas de explicar a programación, acompañadas de representantes de algunhas das actividades que a conforman: Xabier Díaz; Donaire; Xacarandaina; Zavala; Maos; Cantometrics; AELG e o documental 'Lévame a idea'.

A deputada de lingua, Soledad Agra, lembrou que "este ano, temos o gusto de adicarlle o día das Letras á poesía popular oral, a un grupo de mulleres cantareiras que recolleron a nosa tradición oral, que representa a idiosincrasia do noso país, e a foron transmitindo". Neste sentido, explicou que na Deputación "temos unha programación moi extensa que imos desenvolver en moitos concellos da provincia, porque ese é o compromiso desta institución".

A deputada de cultura, Natividade González, salientou o obxectivo de "desenvolver actividades culturais por toda a provincia, descentralizándoas para que cheguen ao máximo número de veciñas e veciños", facendo fincapé en que se trata "dun programa anual, xa que para nós as Letras Galegas son os 365 días do ano". González tamén expresou que é unha programación "extensa, intensa e sobre todo continua. Combinamos literatura, música, teatro... e, sobre todo, reflexión sobre a nosa cultura e tradición"

Un programa anual
A programación chegará a máis de 25 concellos da provincia, e inclúe concertos, teatro, contacontos, proxeccións, presentacións literarias, adquisición de libros, xornadas, edicións especiais e publicacións.

  • 3 grandes concertos temáticos:
    • Efémeras de Cantometrics (maio) en Noia, Carballo e Ortigueira
    • Zavala + Atalaias de Caión (outono)
    • 25 aniversario de Donaire (outono) en Mazaricos, Melide, As Pontes, Teo e Ribeira
  • 10 proxeccións previstas do documental Lévame a idea
  • 2 funcións teatrais escolares con Tanxarina + A biblioteca galáctica contra a IA fantástica en Rois e Cabana de Bergantiños
  • 4 concertos das Pandereteiras de Xancarandaina en Fisterra, Betanzos, San Sadurniño e Arteixo
  • 5 concertos de Donaire.
  • 4 presentacións do Cancioneiro galego serodio 1989–2011, de Xabier Díaz en Trazo, Dodro, Carballo e Vimianzo
  • 3 concellos acollerán a presentación do Manual de Boas Prácticas.
  • 3 obras literarias adquiridas e distribuídas en bibliotecas públicas:
    • Pandereteiras de Mens
    • Cancioneiro galego serodio 1989–2011
    • A biblioteca galáctica contra a IA fantástica
  • 11 obradoiros de escrita creativa sobre a literatura de tradición oral das mulleres a cargo de Estíbaliz Espinosa con escritor convidado/a para o alumando de primaria e secundaria de diferentes centros da provincia
  • Contacontos ilustrados e musicados da obra "Cantareiras. Poesía popular nas letras galegas" para nenos e nenas de infantil e primaria

Todos os artistas e representantes das diferentes actividades que forman parte do programa das Letras Galegas que participaron na presentación de hoxe destacaron o seu "agradecemento" á Deputación "por xerar espazos como este, de encontro, de celebración da cultura e de aturuxo en tantos concellos da provincia, e non só nas cidades". Ademais, cada un explicou o seu proxecto e en que consiste a actividade que vai protagonizar. Foi o caso dos músicos Xabier Díaz, Cantometrics. Pola súa banda, a deseñadora de Maos, Xiana Iglesias, tamén explicou os detalles do cartel, que "fai un recoñecemento a toda a poesía popular oral, representando as mulleres como transmisoras de todo o legado poético, o contexto no que se crea a poesía e o patrimonio oral, eses espazos de colectividade, e o papel das persoas que estudaron e que facilitaron a transmisión". "Buscamos conceptos e mesturámolos como se fose unha sorte de caderno de campo".