Estás en:Novas

Ourives de Compostela restaura, grazas ao apoio da Deputación, 40 pezas antigas, a maioría do S. XVIII

O vicepresidente, Xosé Regueira, participou hoxe na presentación de Ourives de Compostela, que amosou algunhas das 40 pezas antigas de arte sacro que está restaurando, maioritariamente do século XVIII, grazas ao apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago, e do Arcebispado de Santiago

Ourives de Compostela restaura, grazas ao apoio da Deputación, 40 pezas antigas, a maioría do S. XVIII

Ourives de Compostela presentou hoxe os avances dos traballos de restauración das 40 pezas antigas de arte sacro, moitas do século XVIII; un proxecto que está desenvolvendo grazas ao apoio da Deputación da Coruña. O vicepresidente, Xosé Regueira, participou no acto, onde destacou o "bo traballo na promoción dunha arte centenaria que é símbolo da nosa identidade, tradición e patrimonio".

Este programa de rehabilitación de pezas antigas permitirá, nunha primeira fase, a recuperación de 40 obras, procedentes de 13 parroquias de 9 concellos da provincia da Coruña. Entre as mostradas hoxe atópanse o báculo co que a cidade de Santiago agasallou ao cardeal Marín de Herrera no ano 1914; ou as cruces procesionais de San Estevo de Cobas (S. XVIII), Santiago de Betanzos (S.XVIII) ou San Lourenzo de Irixoa (1808). Na súa restauración, seguindo técnicas tradicionais, están a traballar ourives de Santiago dunha longa traxectoria, como Manuel Dávila, Roberto Pampín ou Roberto de la Iglesia.

Esta actuación é unha das que se inclúen no convenio de colaboración entre Deputación e Ourives de Compostela, por un importe de 140.000€, para a promoción e mellora da competitividade da pratería e acibechería de Compostela.

Regueira sinalou que "este é un proxecto de memoria, de preservación da bagaxe cultural e histórica e tan representativa do país, pero tamén de futuro". Neste sentido, sinalou que é "fundamental" fomentar "o talento emerxente neste oficio centenario, e posibilitar a transferencia de coñecemento dos nosos artesáns ás novas xeracións".