Formoso visita Inleit en Curtis: “É un exemplo de que a innovación e o aproveitamento dos recursos locais poden xerar valor engadido e emprego no rural galego”
O presidente da Deputación destaca o impacto do Plan Único e dos programas de emprego provinciais no municipio, cun investimento de 13,5 millóns de euros na última década

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, visitaron hoxe o Concello de Curtis, onde foron recibidos polo alcalde, Javier Caínzos, e os membros da corporación municipal na Casa do Concello. Durante a visita, analizaron conxuntamente os investimentos realizados pola institución provincial no municipio, así como as necesidades e demandas de futuro.
Formoso destacou o compromiso da Deputación na mellora das infraestruturas e servizos municipais de Curtis, que se traduciu nun investimento global de 13,5 millóns de euros na última década. Deles arredor da metade, 5,5 millóns de euros, foron canalizados a través do Plan Único (POS+), o principal programa de cooperación cos concellos, que permitiu executar 46 obras no municipio, centradas maioritariamente na mellora de vías municipais, de accesos a zonas rurais e de dotación de servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga.
"O Plan Único é hoxe unha ferramenta clave para o desenvolvemento dos concellos, especialmente os de menor tamaño, e este ano conta co maior orzamento da súa historia, cun incremento do 72% na achega inicial de 2025. Isto supón que Curtis pasa dunha achega a inicial de 476.000 euros o ano pasado a 813.643 euros en 2025, unha cantidade que se incrementará ao longo do ano con aportacións adicionais", explicou o presidente provincial.
Formoso subliñou ademais que a Deputación da Coruña investirá este ano máis fondos nos concellos da provincia que a Xunta de Galicia, a través do Fondo Galego de Cooperación Local, nos 313 concellos galegos, "o que evidencia a necesidade de que a Xunta mellore o financiamento dos municipios".
Pola súa banda, o alcalde de Curtis agradeceu o apoio da Deputación para mellorar as infraestuturas e servizos municipais e para a creación de centros de referencia como o Museo Etnográfico ou a Casa Museo de María Antonia Dans. Trasladou tamén ao presidente distintas necesidades de mellora en estradas de titularidade provincial.
Formoso, Fernández e Caínzos supervisaron posteriormente algunhas das obras executadas con cargo ao Plan Único, como a mellora do camiño dos Martiños-Cruce a Herdeira (actualmente en execución cun orzamento de 234.950 euros) ou a ampliación do camiño Mascoto-Boipardo, en Fisteus, xa rematada, cun investimento de 125.512 euros.
59 empregos creados co PEL
Outro dos programas provinciais que tivo un impacto importante no municipio foi o Plan de Emprego Local (PEL), con achegas por importe de 2 millóns de euros que permitiron crear 59 empregos no sector público e privado. En total, foron concedidas 203 axudas no marco deste programa en Curtis, a maioría delas para apoiar a autónomos e pemes locais, que se destinaron a creación de empregos e investimentos para mellorar a produtividade dos pequenos negocios.
Inleit, transformación de leite galego en produtos de alto valor nutricional
A xornada incluíu tamén unha visita ás instalacións da empresa Inleit Ingredients, situadas no polígono industrial de Teixeiro. Acompañado do director comercial corporativo, Borja Alba Gómez de la Vega, do director da planta, Juan Cordoníe e da directora de márketing, Verónica Salgado, Formoso coñeceu de primeira man a actividade desta industria dedicada á produción de proteínas lácteas de ata calidade que da emprego a unhas 200 persoas de forma directa.
Durante a visita, o presidente da Deputación destacou que a empresa "é un exemplo de como a innovación e o aproveitamento dos recursos locais poden xerar valor engadido e emprego no rural galego. A súa aposta pola transformación da leite galega en produtos de alto valor nutricional sitúa a Curtis e a Galicia na vangarda da industria", afirmou Formoso, que sinalou tamén "o pulmón económico e loxístico que supón o polígono de Teixeiro, onde se asenta unha industria puxante e diversificada"
Inleit Ingredients, filial galega de Lácteos Industriales Agrupados (LIASA), iniciou a súa actividade en 2020 na localidade de Curtis-Teixeiro (A Coruña), nunha fábrica de máis de 30.000 metros cadrados onde conta con diferentes instalacións dedicadas á elaboración e transformación de leite, producindo proteína láctea. A planta conta cunha capacidade para procesar unha media de 1.150.000 litros de leite diarios, o que supón tratar 420 millóns de litros ao ano .
A empresa traballa en estreita colaboración con granxas seleccionadas de Galicia, que lle subministran leite fresco diariamente. Grazas a esta excelente materia prima e ao seu meticuloso proceso de fabricación, Inleit é capaz de manter as propiedades naturais do leite, producindo proteínas de calidade excepcional .
Formoso concluíu a visita sinalando: "Proxectos como o de Inleit demostran que é posible combinar tradición e innovación para crear un futuro sostible e próspero para o noso rural. Desde a Deputación seguiremos apoiando iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico e social dos nosos concellos."