Cultura da Deputación reafirma o seu compromiso co Orquestra Sinfónica de Galicia, achegando 1,5 millóns para a programación deste ano
As deputadas Natividade González e Avia Vieira visitaron esta mañá a Orquestra Sinfónica de Galicia, nun encontro enmarcado no convenio polo que a Deputación achegará 1,5 millóns de euros para cofinanciar seu o programa de actividades en 2025
González recoñeceu "o extraordinario traballo que fan cada día os centos de persoas que sosteñen este proxecto colectivo" e puxo en valor a programación da Sinfónica, "unha institución histórica e referente en todo mundo, preocupada por todos os públicos, especialmente o máis novo"
"Queremos que a excelencia musical da Orquestra Sinfónica de Galicia non sexa patrimonio exclusivo da cidade, senón un ben cultural que compartir en todo o territorio", sinalou Veira

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) recibiu esta mañá no Palacio da Ópera a visita, en representación do departamento provincial de Cultura, das deputadas Natividade González e Avia Veira. O encontro enmárcase no convenio de colaboración aprobado no último pleno da Deputación, polo que a administración coruñesa destina unha achega de 1,5 millóns de euros –o 70 por cento do orzamento total– para cofinanciar o programa de actividades da OSG en 2025. Durante a visita, González e Veira asistiron a un ensaio da orquestra e amosaron o apoio institucional á difusión da música clásica por todo o territorio.
O convenio contribuirá a achegar ao público unha ampla programación que vai máis alá dos concertos habituais da Orquestra no Palacio da Ópera. Inclúe un fóra de abono no mesmo escenario, o do Festival Resis 2025, os de Ferrol e Santiago de Compostela e outros extraordinarios noutras localidades da provincia. Tamén as actividades da Orquestra Nova, da Orquestra de Nenos e dos Coros da OSG, así coma un importante programa educativo, con 50 actividades didácticas –sesións escolares e concertos en familia– para centros de ensino.
"Estas propostas", explicou a deputada de Cultura, "son boa mostra do compromiso da Orquestra Sinfónica co fomento da música entre todos os públicos, especialmente o máis novo, para que os nenos e nenas se animen a comezar esas clases de violín, frauta ou clarinete; e, nalgúns casos, a formar parte dunha familia coma esta, para seguir mantendo viva esta institución histórica e referente en todo mundo".
Para González, a colaboración entre o departamento de Cultura da Deputación e a OSG "é estratéxica para garantir que a música chegue a todos os recunchos da provincia, tanto nas grandes cidades como nos concellos máis pequenos". Ademais, sinalou que "conscientes das carencias técnicas e estruturais que a Sinfónica atravesa actualmente, dende a Deputación continuaremos apoiándoa como símbolo e referente do país que é. Neste caso, cun orzamento que para nós é moi relevante".
Avia Veira tamén puxo en valor o convenio, "un exemplo de como as institucións poden contribuír a democratizar o acceso á cultura". "Queremos que a excelencia musical da Orquestra Sinfónica de Galicia non sexa patrimonio exclusivo da cidade, senón un ben cultural que compartir en toda a provincia. Que, ademais de en Ferrol e en Santiago, poidamos gozar da súa música en localidades coma Vimianzo ou Ares, das que xa están confirmadas, é unha mostra dese compromiso co territorio", engadiu.
Durante a visita, as deputadas recoñeceron "o extraordinario traballo que fan cada día os centos de persoas que sosteñen este proxecto colectivo", en palabras de González, que reafirmou "a vontade política da Deputación de seguir fortalecendo o ecosistema cultural da provincia da Coruña desde as institucións públicas".
"Con este convenio", rematou Veira, "a Deputación da Coruña no só apoia unha temporada de concertos, senón que aposta por un modelo cultural inclusivo, onde a música sinfónica se converte en ponte entre xeracións e municipios de todo o territorio".