Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia a fase de ascenso á División de Honra Prata de balonmán masculino, que se celebra esta fin de semana na Coruña co OAR 1952 como anfitrión

O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou no acto de recepción aos equipos e destacou o compromiso da institución provincial co deporte de base e de alto nivel

A Deputación da Coruña apoia a fase de ascenso á División de Honra Prata de balonmán masculino, que se celebra esta fin de semana na Coruña co OAR 1952 como anfitrión

A Coruña acolle esta fin de semana a fase de ascenso á División de Honra Prata de balonmán masculino, un evento deportivo de primeiro nivel no que o OAR Coruña 1952, equipo anfitrión, buscará o salto á segunda categoría nacional. A competición celébrase no pavillón polideportivo San Francisco Xabier e reunirá a catro equipos: OAR Coruña 1952, Sant Joan d'Alacant, BM Contazara Zaragoza e La Salle de Córdoba.

A Deputación da Coruña apoia activamente esta fase de ascenso, en liña coa súa aposta por fomentar o deporte tanto a nivel de base como competitivo. O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, participou esta mañá no acto institucional de benvida aos equipos, celebrado no Palacio Municipal de María Pita, no que tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes da Coruña, Manuel Vázquez; o presidente do OAR Coruña 1952, Carlos Resch; e o secretario xeral técnico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Francisco Javier Abad.

Durante o acto, Antonio Leira subliñou "o esforzo, o traballo e a paixón que equipos como o OAR 1952 representan para o deporte galego" e destacou que "eventos coma este amosan que Galicia ten talento, historia e futuro no balonmán". "Desde a Deputación da Coruña apoiamos con decisión o deporte como ferramenta de cohesión social, formación de valores e promoción da provincia", afirmou.

Leira animou tamén á cidadanía a achegarse ao pavillón para vivir "un espectáculo deportivo de alto nivel e apoiar ao OAR, un club emblemático que leva o nome da Coruña por toda España desde hai máis de sete décadas".
Calendario da fase de ascenso

Venres, 17.30 h: BM Contazara Zaragoza vs. La Salle

Venres, 20.30 h: OAR Coruña 1952 vs. Sant Joan

Sábado, 17.30 h: Sant Joan vs. La Salle

Sábado, 20.30 h: OAR Coruña 1952 vs. Zaragoza

Domingo, 10.00 h: Zaragoza vs. Sant Joan

Domingo, 13.00 h: OAR Coruña 1952 vs. La Salle

O apoio da Deputación, xunto á implicación do Concello da Coruña e da Xunta de Galicia, contribúe a facer posible un evento que non só ten relevancia deportiva, senón tamén un importante impacto social e económico para a cidade.