Estás en:Novas

A Coruña acolle o Campionato de España Infantil por comunidades autónomas de natación artística

O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, participou na recepción oficial ás 12 seleccións participantes 

A Coruña acolle o Campionato de España Infantil por comunidades autónomas de natación artística

A cidade da Coruña será esta fin de semana o escenario do Campionato de España Infantil por Comunidades Autónomas de Natación Artística, unha das citas máis destacadas do calendario nacional nesta modalidade, que reunirá as mellores promesas da disciplina a nivel estatal.

A Deputación da Coruña apoia este evento como parte do seu compromiso coa promoción do deporte base, a igualdade de oportunidades no deporte e a proxección da provincia como sede de grandes competicións. O deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, participou esta mañá no acto institucional de benvida celebrado no Palacio Municipal de María Pita, xunto ao concelleiro de Deportes da Coruña, Manuel Vázquez; o presidente da Real Federación Española de Natación, Fernando Carpena; e o presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión.

Durante o acto, Antonio Leira destacou a importancia de acoller probas desta relevancia: "Estamos ante unha cita que non só pon o foco no alto nivel deportivo, senón tamén nos valores do deporte base: esforzo, disciplina, traballo en equipo e igualdade. Dende a Deputación da Coruña seguiremos a apoiar eventos que dean visibilidade a disciplinas emerxentes como a natación artística, e que permitan ás nosas rapazas e rapaces crecer persoal e deportivamente".

O campionato contará coa participación de 12 seleccións autonómicas, incluída a galega, e reunirá a un cento de deportistas das categorías infantil (idades entre os 13 e os 15 anos no caso das mozas, e ata os 16 nos mozos), ademais de arredor de 40 persoas do staff técnico, membros do xurado e persoal organizador.

A natación artística está en pleno auxe en Galicia, con máis de 700 licenzas federativas e 12 clubs activos nas catro provincias. A celebración deste campionato estatal na Coruña supón un novo impulso para a proxección da disciplina, especialmente entre as xeracións máis novas.