A Deputación da Coruña apoia con 1,2 millóns de euros a 156 clubs deportivos da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional
Participan en competicións do máis alto nivel en todas as especialidades deportivas co apoio económico da Deputación
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a "importante contribución deste programa para apoiar aos principais equipos do deporte coruñés"

A Deputación da Coruña destina este ano 1.190.589 euros a apoiar aos clubs deportivos e deportistas da provincia que participan en competicións de ámbito nacional e internacional.
A resolución definitiva deste programa de apoio ao deporte coruñés, publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia, beneficia a un total de 156 clubs coruñeses masculinos e femininos de todas as especialidades deportivas (fútbol, baloncesto, atletismo, balonmán, rugby, natación, piragüismo, remo, ciclismo, voleibol, hóckey, ximnasia, judo, taekwondo...) que participan en competicións deportivas do máis alto nivel.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou a importancia deste programa, que "contribúe de maneira decisiva a apoiar aos principais equipos do deporte coruñés, permitindo que a nosa provincia estea representada ao máximo nivel nas ligas e torneos nacionais e internacionais".
"Somos conscientes do esforzo que supón competir fóra, dos custos de desprazamento, fichas, material, e por iso este apoio da Deputación é fundamental para que os clubs poidan centrarse no deportivo e seguir medrando", explicou Leira. "Non falamos só de fútbol ou baloncesto; apoiamos tamén disciplinas como o piragüismo, o remo ou a ximnasia, que teñen grandes clubs e deportistas na provincia", engadiu.
Leira tamén subliñou o compromiso da Deputación coa igualdade no deporte: "Estas axudas chegan por igual a clubs femininos e masculinos, porque queremos unha práctica deportiva que recoñeza o mérito e o esforzo con independencia do xénero ou da modalidade".
Entre as subvencións de maior importe destacan destacan as do Baxi- Uni Ferrol de baloncesto feminino para a participación na Liga Endesa (53.691 €), o Hockey Club Liceo da Coruña (53.691 €), o Club Noia de Fútbol Sala (43.664 €), a escola de Basket Xiria de Carballo (26.952 €) e Club de Baloncesto Culleredo (26.952 €), o Bergantiños FC (22.273 €) ou S D Compostela (22.139 €).
As subvencións poden consultarse no BOP de hoxe luns, 26 de maio:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/05/26/2025_0000003304.html