Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia o maior torneo internacional de squash feminino que se celebra en España

O centro comercial As Cancelas acollerá o Torneo Internacional Feminino Squash Cidade de Santiago do 10 ao 14 de xuño

A Deputación da Coruña apoia o maior torneo internacional de squash feminino que se celebra en España

O Centro Comercial As Cancelas será a sede do Torneo Internacional Feminino Squash Cidade de Santiago, o evento de squash feminino máis grande que se celebra actualmente en España. A cita terá lugar entre o 10 e o 14 de xuño e contará coa participación de 24 xogadoras procedentes de 12 países, todas elas situadas entre as 100 mellores do mundo.

Entre as participantes destaca a francesa Camille Serme, ex número 2 mundial, ademais das españolas Marta Domínguez, número 52 do ránking, e Cristina Gómez, sete veces campioa de España.

O torneo, de categoría Cobre, instalará unha pista de cristal de última xeración na primeira planta do centro comercial, nun formato que xa percorreu cidades como Nova York, Londres, Zúrich ou París. Ademais da competición, durante toda a semana celebraranse actividades paralelas, como obradoiros con centros educativos, charlas motivacionais ou partidos de exhibición.

Aposta da Deputación polo deporte feminino

O torneo conta co apoio institucional da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, ademais da organización da Asociación Deportiva Squash Santiago, Golán Squash Academy e o C.C. As Cancelas.

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, destacou que "eventos como este reafirman a nosa aposta decidida polo deporte feminino e pola igualdade real nos espazos deportivos. A Deputación colabora activamente con este torneo porque representa á perfección os valores que queremos promover".

Leira tamén subliñou que a celebración en Santiago deste torneo internacional "contribúe a consolidar Galicia como un referente do deporte en clave feminina e como un destino de grandes citas deportivas que combinan competición e divulgación".

A recente inclusión do squash como disciplina oficial nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028 abre unha nova etapa para este deporte, e eventos como o Torneo Internacional Feminino Squash Cidade de Santiago permiten fortalecer a súa base, fomentar novas vocacións e facilitar o acceso das deportistas españolas ao máis alto nivel competitivo.