A Deputación colabora coa Federación de Asociacións Veciñais da Coruña na mellora do equipamento do seu local social
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, visitou a entidade para interesarse pola actividade que desenvolve

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou esta mañá a sede da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana (FAVAC), situada na rúa Glasgow da cidade herculina. Alí mantivo un encontro coa presidenta da entidade, María Luisa Varela, para coñecer de primeira man o labor que desenvolve esta histórica organización veciñal, que agrupa a numerosas asociacións da cidade e da súa contorna metropolitana.
Durante a visita, Capelán interesouse polas actividades que promove a Federación e polo impacto que teñen na dinamización social e participativa dos barrios. A entidade vén de recibir unha achega de 9.500 euros da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, destinada á renovación do seu equipamento informático e material de oficina, co obxectivo de mellorar a súa capacidade organizativa e os servizos que presta ás asociacións que integran a Federación.
A entidade tamén foi beneficiaria nos últimos anos doutras liñas de axuda da institución provincial, en concreto para o desenvolvemento de iniciativas como o programa "veciñanza participativa" e diversas accións formativas orientadas a fomentar a implicación cidadá e a mellora da vida comunitaria.
A deputada destacou o papel fundamental que xogan entidades como FAVAC no fortalecemento do movemento asociativo e na construción dunha sociedade máis cohesionada e participativa. "Desde a Deputación seguiremos apoiando o traballo das asociacións veciñais, porque son un piar esencial para escoitar as demandas da cidadanía e canalizar propostas que melloran a vida nos barrios e nas vilas", sinalou.