Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financia con 28.000 euros a mellora enerxética do local da Asociación de Mulleres Rurais de Xesteda, en Cerceda

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, e o alcalde Juan Manuel Rodríguez visitaron o local da asociación e destacaron a importancia destas entidades para dinamizar a vida no rural

A Deputación da Coruña financia con 28.000 euros a mellora enerxética do local da Asociación de Mulleres Rurais de Xesteda, en Cerceda

A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, e o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, visitaron o local social da Asociación Cultural de Mulleres Rurais de Xesteda, no concello de Cerceda, para coñecer de primeira man o proxecto de mellora da eficiencia enerxética que vai acometer a entidade grazas a unha achega que lle ven de conceder a área de Promoción Económica da Deputación da Coruña.

A subvención, por importe de 28.000 euros, está destinada a financiamento das obras de revestimento exterior do inmoble e á instalación dun sistema de illamento térmico que permitirá acadar un maior confort interior e unha temperatura axeitada durante todo o ano, reducindo ao mesmo tempo o consumo enerxético.

Durante a visita, Capelán interesouse pola actividade da asociación e destacou a importancia de apoialas en actuacións coma esta que "melloran as condicións dos espazos de encontro da veciñanza e contribúen a avanzar nun modelo máis sostible e eficiente, tamén no medio rural".

A Asociación de Mulleres Rurais de Xesteda conta actualmente con 92 socias e constitúe unha referencia fundamental na parroquia, tanto pola súa traxectoria como pola súa intensa actividade. Ao longo do ano organiza numerosas actividades culturais, de lecer e de recuperación das tradicións locais, ademais de fomentar as relacións interxeracionais e o apoio mutuo entre mulleres de distintas idades.

A Deputación da Coruña apoia este ano con 225.000 euros investimentos de 16 asociacións veciñais de núcleos rurais da provincia, axudándoas en cuestións como o acondicionamento e mellora dos seus locais sociais, a adquisición de equipamento tecnolóxico, a creación de espazos deportivos ou a mellora da accesibilidade nas parroquias.

"Son axudas permiten ás asociacións desenvolver proxectos que melloran a vida nas aldeas e nos pequenos núcleos, fortalecen o tecido asociativo e fomentan a cohesión social e a dinamización económica no rural", afirmou a deputada Cristina Capelán, que destacou tamén o compromiso do goberno municipal de Juan Manuel Rodríguez neste ámbito.