Estás en:Novas

"As Pontes Ecuestre" consolídase no calendario galego de competicións hípicas co apoio da Deputación

O Club Hípico Prado Ventura, organizador do certame co apoio do Concello, da Deputación da Coruña e da Federación Hípica Galega, acolleu hoxe a presentación

Club Hípico Prado Ventura convertíase esta mañá no escenario perfecto para a presentación da III edición de "As Pontes Ecuestre", que regresará á localidade o vindeiro sábado 7 de xuño.

Participaban no acto o alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a concelleira de Deportes e Turismo, Elena López Seco; a presidenta do club organizador, Natividad González Laso, e máis a técnica deportiva Noa García, así como o director do certame, Federico Pérez Lago.

Durante a presentación da proba, Formoso destacou a importancia da variedade de propostas e ofertas deportivas do concello, con "53 disciplinas deportivas con máis de 1000 fichas federativas nun concello de menos de 10000 habitantes. No caso concreto desta proba deportiva contamos cun escenario espectacular, e estamos moi agradecidos á organización de que queira contar co Concello das Pontes, axudándonos por unha banda a satisfacer os desexos desa poboación da nosa vila que tanta relación ten historicamente co mundo do cabalo; e por outra banda tamén pon en valor un espazo como é o lago das Pontes, que segue amosando a súa versatilidade para acoller, ademais do turismo, todo tipo de probas e actividades deportivas e de ocio".

O certame, que volverá celebrarse na contorna do Lago, incluirá o Concurso de Saltos Territorial, de carácter autonómico, e unha das probas do Campionato Galego de Andadura.

Segundo avanzaba González Laso, a organización pon nesta edición o foco sobre estas dúas competicións, que se irán alternando na pista central para darlles todo o protagonismo. As inscricións, gratuítas, están abertas ata este venres 30 de maio, e a partir de entón, elaborarase o calendario definitivo. No caso do concurso de saltos, haberá catro probas sobre alturas de 0,30, 0,50, 0,80 e 1,00 m.

A estas sumarase a proba de andadura, cunha gran tradición na zona. Ao respecto, Noa García avanzaba un bo ritmo nas inscricións que invitan ao optimismo, igualando e mesmo superando os rexistros do pasado ano, cando tomaron concurso preto de 200 xinetes e amazonas.

"As Pontes Ecuestre" súmase ademais a Ferrol e Ortigueira como sede da I Liga Ferrol-Eume-Ortegal, competición entre clubs e gran novidade da presente edición. Unha liga que nace con vocación de expandirse a toda a provincia, ampliando emprazamentos e co respaldo da Deputación.

A presidenta de Prado Ventura tamén quixo agradecer a man tendida do Concello das Pontes, que permite desenvolver e mellorar o certame ano tras ano, ademais da colaboración da Federación Hípica Galega e, neste 2025, da Deputación. Unha suma de vontades que avanzan nunha mesma dirección: converter As Pontes en referente hípico na Comunidade.