Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia, de novo, o Gran Fondo Ézaro, que incluirá un novo tramo de terra na edición 2025

A proba celebrarase o 6 de xullo con dous tramos cronometrados e a participación de Purito Rodríguez

A Deputación da Coruña apoia, de novo, o Gran Fondo Ézaro, que incluirá un novo tramo de terra na edición 2025

Esta mañá presentouse oficialmente a edición 2025 do Gran Fondo Ézaro (GFE), unha das probas cicloturistas máis recoñecidas do noroeste peninsular. A cita deportiva, organizada por Emesports, celebrarase o vindeiro 6 de xullo e percorrerá un total de 101 km polos concellos de Dumbría, Cee, Vimianzo, Mazaricos, Carnota e Muxía, cun aliciente especial: a incorporación dun tramo de 2,5 km por camiños de terra.

Este novo percorrido forma parte da aposta da organización por innovar mantendo a esencia dunha proba que cada ano gaña peso no calendario cicloturista. A edición deste ano contará cun convidado de excepción, Purito Rodríguez, que levará o dorsal número 1 e toma a remuda de lendas como Alejandro Valverde, Miguel Indurain ou Samuel Sánchez, que xa participaron en edicións anteriores.

O director da proba, Ezequiel Mosquera, salientou a beleza e o reto técnico do novo tramo de terra: "É unha subida moi bonita e segura, que discorre por unha auténtica autoestrada natural ata o alto da Ruña". Subliñou tamén o compromiso das administracións, patrocinadores e Corpos de Seguridade: "Sen eles, esta proba non sería posible".

Na presentación interviron representantes institucionais que destacaron o valor deportivo, turístico e económico do evento. Entre eles, Antonio Leira, deputado de Deportes da Deputación da Coruña, quen expresou o orgullo da institución provincial por apoiar desde o primeiro momento este soño feito realidade: "Parecía imposible organizar unha proba así antes da primeira edición. Hoxe é unha referencia. Para a Deputación é un privilexio formar parte desta familia e seguir ao voso carón edición tras edición".

Tamén tomaron a palabra o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que relacionou o ciclismo coa dinamización do Camiño de Santiago, e Carmen Pita, de Turismo de Galicia, que definiu o GFE como un "escaparate privilexiado para promocionar a Costa da Morte e a calidade turística galega".

Pechou o acto o alcalde de Dumbría, Raúl González, quen destacou o impacto económico local da proba: "Os hoteis están a tope. O GFE é un evento top cunha organización impecable".