A Deputación da Coruña, recoñecida pola súa contribución ao atletismo galego na Gala do Atletismo celebrada en Santiago

A Federación Galega de Atletismo recoñeceu onte o papel da Deputación da Coruña na promoción e fomento do atletismo na provincia durante a Gala do Atletismo Galego, celebrada na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
O galardón foi recollido de mans do presidente da Federación, Iván Sanmartín, polo deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, que agradeceu a distinción en nome da institución provincial e puxo en valor o compromiso sostido da Deputación co deporte base e coa creación de oportunidades para que a cidadanía acceda á práctica deportiva.
"A través do apoio ao atletismo promovemos valores como o esforzo, a igualdade e a vida saudable", afirmou Leira, que destacou algunhas das principais accións impulsadas pola Deputación neste ámbito, como a organización de 37 carreiras populares anuais en distintos concellos da provincia, a celebración da emblemática carreira "Os 10.000 do Camiño" en Santiago de Compostela ou o Circuíto Provincial de Atletismo en Pista, centrado na promoción do deporte base.
A través destas iniciativas, a Deputación busca apoiar os clubs e atletas locais, dinamizar o deporte nos concellos e achegar o atletismo a todas as idades e niveis.
O acto contou coa presenza de representantes das principais entidades e clubs do atletismo galego, así como de deportistas destacados e autoridades locais e autonómicas.