Valdoviño inaugura o novo local social de Aviño
O presidente da Deputación e o alcalde de Valdoviño acompañaron a veciñanza na inauguración das obras de mellora do edificio, unha antiga escola unitaria do municipio
A reforma foi financiada co Plan Único da Deputación

O local social de Aviño quedou oficialmente inaugurado esta tarde logo da reforma integral do antigo edificio da escola unitaria, unha actuación financiada co Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou no acto xunto ao alcalde de Valdoviño, Alberto González, a deputada provincial Rosa Ana García e numerosos veciños e veciñas que encheron as dúas plantas do edificio. A intervención, impulsada polo Concello de Valdoviño, contou cun orzamento conxunto de 51.000 euros máis IVE, compartido cunha actuación de mellora en infraestruturas municipais no lugar de Loira.
Formoso destacou que "o Plan Único é unha ferramenta fundamental para garantir que os concellos, especialmente os máis pequenos, poidan desenvolver proxectos como este, que melloran a calidade de vida da veciñanza". O presidente da Deputación aproveitou tamén para felicitar o goberno municipal: "Quero recoñecer o traballo do alcalde Alberto González e do seu equipo, que souberon aproveitar os recursos da Deputación para transformar un edificio con historia nun espazo útil e cheo de vida".
O alcalde, Alberto González, agradeceu o apoio da Deputación da Coruña e subliñou "a importancia da colaboración entre administracións para facer realidade proxectos coma este, que dan resposta ás necesidades da veciñanza".
A actuación en Aviño enmárcase nunha aposta do goberno municipal por recuperar antigos espazos públicos para o uso veciñal. Nos últimos anos, o Concello de Valdoviño acometeu tamén a mellora das antigas escolas unitarias de Vilaboa e Monte Faro, hoxe locais sociais plenamente activos, e adaptou como local social o antigo palco da música de Loira, dotando a parroquia dun espazo de encontro cuberto para a realización de actividades.
O inmoble de Aviño, construído no ano 1930 e con 135 m² de superficie útil, fora obxecto dunha reforma nos anos 80, pero o deterioro polo paso do tempo facía necesaria unha rehabilitación integral. As obras incluíron a substitución de xanelas, reparación da cuberta, colocación de novo chan de gres e falsos teitos, construción de novos aseos —un deles adaptado—, instalación dun sistema de climatización e mellora das redes eléctrica e de fontanería. Tamén se actuou sobre as paredes exteriores, devolvéndolles o seu aspecto orixinal de pedra, e recuperouse unha escultura de Pepe Rodríguez, "O Ferreiro", que agora preside a fachada.
A apertura oficial do local responde á petición da nova directiva veciñal, que tomou posesión en decembro e solicitou ao Concello celebrar un acto simbólico. O edificio leva meses sendo utilizado pola veciñanza para diversas actividades.
Esta actuación súmase á construción dun novo parque infantil e outro biosaudable na parcela contigua, reforzando os servizos e equipamentos públicos deste núcleo grazas á colaboración entre Deputación e Concello de Valdoviño.