Estás en:Novas

Club de Remo Puebla e Cabo de Cruz gañan a I Bandeira de Bateis Deputación da Coruña na Pobra

O Club de Remo Puebla proclamouse como campión masculino da xornada, mentres que Cabo de Cruz acadou o título feminino 

Alta participación, con máis de 70 embarcacións de toda a provincia

Club de Remo Puebla e Cabo de Cruz gañan a I Bandeira de Bateis Deputación da Coruña na Pobra

A Pobra do Caramiñal acolleu este sábado unha intensa xornada de remo coa celebración da I Bandeira de Bateis Deputación da Coruña, un evento impulsado pola institución provincial que reuniu a máis de 70 embarcacións procedentes de toda a provincia. A competición, que contou cunha destacada participación de clubs da comarca do Barbanza, repartiu 11.700 euros en premios e entregou bandeiras e medallas aos tres primeiros clasificados de cada categoría.

O evento estivo marcado pola alta participación e polo éxito organizativo do Club de Remo Puebla, que ademais conseguiu importantes vitorias ao longo da xornada. A mañá comezou coas regatas clasificatorias, nas que os equipos do Barbanza demostraron a súa forza, ocupando todas as prazas nas finais alevíns e mantendo unha forte presenza no resto de categorías.

Xa pola tarde, as finais definiron os equipos gañadores. O Club Náutico Ribeira proclamouse vencedor na categoría alevín feminina, seguido de Cabo da Cruz e Rianxo. Na categoría alevín masculina, impuxéronse os anfitrións da Puebla, por diante de Ribeira e Cabo da Cruz.

Na categoría infantil feminina, Cabo da Cruz acadou o primeiro posto, con Boiro e Puebla completando o podio. No apartado masculino, Puebla volveu alzarse coa bandeira, seguido de A Cabana-Ferrol e Cabo da Cruz.

En cadetes, o ouro foi para o Club Náutico Boiro en feminina, superando ás locais da Puebla, mentres que na masculina Puebla volveu liderar por diante de Cabo da Cruz.

A categoría xuvenil feminina foi para Rianxo, seguida de Cabo e Esteirana; na masculina, venceu Boiro, con Puebla e Urme completando o podio. Finalmente, en sub-23, Rianxo sumou outra vitoria en feminina, mentres que Narón impuxo a súa forza na masculina, rompendo a hexemonía barbanzá.

A clasificación xeral situou o Club de Remo Puebla como campión masculino da xornada, mentres que Cabo da Cruz acadou o título feminino.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou no acto de entrega de premios aos gañadores tras unha xornada que foi mol seguida polo público desde o peirao pobrense.