Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destaca en Vimianzo o papel fundamental das mulleres no emprendemento rural

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, e a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez inauguraron hoxe o foro, que aborda o liderado feminino no rural

A Deputación da Coruña destaca en Vimianzo o papel fundamental das mulleres no emprendemento rural

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, inaugurou hoxe o I Foro "Alza Voz de Muller" na Casa da Cultura de Vimianzo, acompañada pola alcaldesa e tamén deputada provincial, Mónica Rodríguez. Na inauguración participaron tamén a sudelegada do Goberno de España, María Rivas, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintana e a deputada provincial Avia Veira.

O encontro, que conta co apoio económico Deputación no marco do Plan de Emprego Local (PEL), está centrado no liderado feminino no rural, reúne durante dúas xornadas a emprendedoras, expertas e representantes institucionais para reflexionar sobre os retos e oportunidades que afrontan as mulleres que lideran e emprenden desde o territorio.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García puxo en valor "o potencial das mulleres rurais como clave para o desenvolvemento local, a innovación e a fixación de poboación", e reivindicou o compromiso da Deputación co emprendemento feminino a través do Plan de Emprego Local (PEL). Este programa, explicou, leva investidos máis de 125 millóns de euros desde 2016 para apoiar a creación de empresas, impulsar a contratación e mellorar a competitividade das pemes da provincia.

O 40% das axudas PEL son para empresas lideradas por mulleres

"A metade das usuarias dos espazos de coworking da Deputación son mulleres, e case un 40% das axudas do PEL destínanse a proxectos liderados por elas", sinalou a deputada, quen destacou tamén as medidas específicas que benefician ás mulleres no rural, como as bonificacións á súa contratación nos programas PEL-PEMES e PEL-CONCELLOS.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, afirmou que "este foro nace nun lugar que moitas veces quedou fóra dos focos: o rural. Pero aquí tamén hai mulleres que lideran, que emprenden, que transforman e que merecen estar no centro das conversas importantes".

Rodríguez mostrouse "profundamente orgullosa" da acollida do evento e puxo en valor o camiño colectivo das mulleres ao longo da historia, lembrando que "liderar sendo muller non só require formación ou esforzo: require valentía, autoconfianza e rede" e destacou a importancia que teñen "espazos coma este, creado para pensar xuntas, recoñecernos e visibilizar os desafíos que vivimos" porque "a igualdade non se traballa só en días sinalados, nin só nos espazos institucionais. Constrúese en lugares como este. Con voces como as vosas", concluíu.

A rexedora agradeceu "a todas as persoas participantes, ás relatoras, ás colaboradoras, ao equipo técnico, ao persoal do concello implicado, aos colectivos sociais e, en definitiva, a todas as persoas involucradas" pero moi especialmente, sinalou, "á Deputación da Coruña polo seu apoio decidido a través da área de Emprego e do PEL, sen o cal este proxecto non sería posible".

Tamén participou na xornada inaugural a deputada Avia Veira, que sinalou que "a pesar de todo o que se conseguiu nas últimas décadas, é moito o que queda por facer para acadar a igualdade real".

"Dende as administracións públicas non debemos ocultar, e moito menos aplaudir, as tantas situacións que poñen en risco ás mulleres, senón todo o contrario: debemos visibilizalas, combatelas, e desenvolver políticas públicas que fomenten a igualdade real entre homes e mulleres", afirmou.

Veira tamén puxo en valor a temática do encontro: "o liderado feminino implica outra forma de liderar que confronta co modelo patriarcal que prevalece, e que hai que repensar de maneira urxente". Neste sentido, sinalou que "falar de liderado feminino non é falar só de mulleres en postos de poder. É falar dun novo xeito de exercer ese poder e tamén de habitar e de relacionarnos. É poñer a vida e os coidados no centro, escoitar e construír pontes."

Visibilizar o liderado feminino no rural

O Foro "Alza Voz de Muller" busca precisamente visibilizar o liderado feminino no rural, compartir experiencias de éxito e fomentar redes de apoio entre emprendedoras. Entre as participantes destacan referentes do mundo empresarial e social como Rosa Arcos, secretaria xeral de FADEMUR; Paula Pose, xerente de Agrosoneira; Mar Barreiro, de Reneymar; e Inés Silva, fundadora de ISlow Coliving, que abordaron as barreiras e oportunidades do emprendemento no rural nunha mesa de diálogo.

O programa tamén contou coa participación da empresaria Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence; María Couto, CEO de XEAL; e Carlota Corzo, cofundadora de Lazzaro, nunha conversa sobre novos modelos de liderado feminino baseados na empatía e na innovación.

O foro continúa mañá sábado con novas mesas de debate, relatorios e actividades culturais, consolidándose como un espazo de encontro e inspiración para as mulleres que lideran dende o rural.