A Deputación reforza a actividade e os servizos da Aula de Natureza de Brañas de Valga (Mesía) cun investimento de case 70.000 euros
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde, Mariano Iglesias, asinaron esta mañá en Mesía o convenio de colaboración
A Deputación colaborará co Concello de Mesía no acondicionamento de pacelas na contorna da igrexa de San Mamede de Lanza e de Santiago de Boado

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o Concello de Mesía, onde asinou co alcalde, Mariano Iglesias, dous convenios de colaboración que permitirán reforzar a actividade e os servizos do Museo das Brañas da Valga e mellorar infraestruturas municipais.
O presidente provincial e o alcalde asinaron un acordo que permitirá financiar as actividades da Aula da Natureza – Museo Etnográfico das Brañas da Valga durante o ano 2025. A Deputación achegará 68.848 euros dos 86.060 € totais, que permitirán manter o equipo do centro, formado por tres traballadores: dous peóns de xardinería, que se encargan do coidado e mantemento das zonas verdes, e un monitor de tempo libre, responsable da organización das visitas guiadas, obradoiros e outras actividades de educación ambiental.
Do mesmo xeito, o apoio económico da Deputación cubre tamén os gastos ordinarios de mantemento das instalacións, garantindo a continuidade dun espazo clave para a dinamización cultural e ambiental do municipio que leva en marcha desde o ano 2009, despois de que a Deputación financiara, no 2000, un proxecto para recuperar e valorizar o espazo, unha antiga telleira que estaba abandonada desde os anos 70 do século pasado.
Acondicionamento de parcelas
Durante a visita a Mesía, Formoso e Iglesias formalizaron un segundo convenio a través do cal a Deputación contribuirá ao acondicionamento de dúas parcelas situadas na contorna da igrexa San Mamede de Lanza e da igrexa de Santiago de Boado. Estes espazos foron adquiridos polo Concello para mellorar o entorno e crear novas zonas de aparcamento, xa que se trata de lugares moi concorridos e que rexistran unha elevada presenza de vehículos.
O investimento total ascende a 102.700,01 euros, dos cales o ente provincial achegará o 80 %. Os traballos inclúen a pavimentación con balastro e céspede para mellorar a funcionalidade das parcelas, a instalación de mobiliario urbano e a plantación de árbores e arbustos, cos que se busca crear espazos de sombra e mellorar a integración paisaxística no lugar.