O Maratón de Galeguidades da Deputación da Coruña conectou á Galicia exterior en 25 países arredor do mundo
Valentín González Formoso salienta o "vínculo emocional intenso" coa Galicia exterior e anuncia novos proxectos culturais en Arxentina e Uruguai
As mesas contaron as experiencias de galegas e galegos arredor do mundo en ámbitos como a ciencia, a cultura, a economía ou o deporte

Na véspera do Día de Galicia, a Deputación da Coruña celebrou hoxe con éxito o 2º Maratón de Galeguidades, un evento pioneiro que durante máis de once horas ininterrompidas conectou Galicia coa súa diáspora en 25 países dos cinco continentes, reivindicando o papel fundamental da emigración galega na construción da identidade colectiva e na proxección internacional da cultura galega.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou no maratón destacando o "vínculo emocional intenso" que une a Galicia coa súa emigración histórica e coa nova diáspora, ao tempo que puxo en valor o traballo que desde hai anos desenvolve a institución provincial apoiando centros e iniciativas emblemáticas da Galicia exterior.
Entre elas, Formoso citou os lazos que unen á institución provincial coruñesa ao Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, "onde se segue aprendendo a lingua galega"; ao Museo da Emigración Galega (MEGA), "que mantén viva a memoria da diáspora"; ou ao Fogar Galego para Anciáns e ao Padroado da Cultura Galega en Montevideo (Urguai). Tamén fixo referencia ao compromiso da Deputación coas agrupacións máis pequenas, creadas polas primeiras xeracións de emigrantes, que precisan agora "un necesario relevo xeracional".
O presidente provincial destacou ademais a importancia de "potenciar o vínculo cultural e emprendedor coa diáspora galega", avanzando que a Deputación está a traballar en novos proxectos culturais de teatro e danza contemporánea, que se queren levar a países como Arxentina e Uruguai, onde a presenza galega é numerosa e a cultura galega segue tendo un peso e un eco importante.
O programa deste segundo maratón contou coa participación de destacadas figuras da cultura, a comunicación e a ciencia como o músico Mondra, os xornalistas David Reinero, Manuel Gago e Santiago Garrido ou a neurocientífica da Universidade de Houston Sonia Villapol. Tamén estiveron presentes organizacións representativas da diáspora como a Irmandade Galega de Suíza, a Rede de Galegas no Reino Unido, a Asociación Internacional de Estudos Galegos, o Festival Emigrasón ou os centros galegos de Buenos Aires, Montevideo, Lisboa, Barcelona ou Sidney.
Un dos momentos destacados da xornada foi a mesa de debate sobre concellos galegos e cadeas migratorias, conducida polo xornalista Santiago Garrido, na que participaron os alcaldes e alcaldesas de Santa Comba, Vimianzo, Vedra e Carballo. Un espazo de reflexión sobre os vínculos históricos e presentes entre o territorio galego e as súas comunidades no exterior, e sobre o papel que xogan os gobernos locais no fortalecemento desa relación.
O Maratón de Galeguidades, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co IGADI, consolídase nesta segunda edición como un espazo de encontro global da galeguidade contemporánea, cun formato en liña e en aberto que permitiu seguir en directo conexións, entrevistas, actuacións e reflexións desde lugares tan diversos como Suíza, Reino Unido, Australia, Estados Unidos, Portugal, Uruguai ou Arxentina.