A Deputación da Coruña busca alianzas coa Universidade de St Andrews para estudar as conexións das peregrinacións escocesas co Camiño de Santiago
As accións desenvolvidas nos últimos dez anos en Inglaterra e Irlanda consolidan o Camiño Inglés e Fisterra-Muxía como as rutas xacobeas de maior crecemento na actualidade, cun impacto económico importante nos municipios polos que pasan
A Deputación quere estender a Escocia o modelo desenvolvido en Inglaterra e Irlanda para promocionar os Camiños xacobeos da provincia
Unha delegación da Deputación da Coruña encabezada polo presidente, Valentín González Formoso, viaxa estes días a Escocia para impulsar a proxección internacional dos camiños xacobeos que discorren integramente pola provincia da Coruña: o Camiño Inglés e o Camiño Fisterra-Muxía, e establecer novas vías de colaboración con institucións públicas, universidades e entidades de turismo escocesas.
Os representantes da Deputación visitaron onte a prestixiosa Universidade de St Andrews, a máis antiga de Escocia, fundada en 1413. Na visita participaron, ademais do presidente, o deputado responsable da promoción do Camiño Inglés, Antonio Leira, e o portavoz do Goberno provincial e presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández. Por parte da universidade escocesa, estiveron presentes a profesora de orixe galega Ana Barazal Barreira, e os doutores e hispanistas Ted Bergman e Jordi Larios, todos do equipo académico da School of Modern Languages.
Durante a reunión, a delegación coruñesa explicou polo miúdo o intenso traballo desenvolvido nos últimos dez anos en Inglaterra e Irlanda para impulsar estas rutas xacobeas. Destacaron que grazas a este traballo e á colaboración institucional hoxe xa hai máis de 400 km sinalizados nas rutas inglesas do Camiño de Santiago e que comezan a verse os froitos tamén en Irlanda, onde xa se ven as primeiras mouteiras a través do chamado "Camiño Celta".
Formoso subliñou que "cando comezamos a promocionar o Camiño Inglés en Durham parecía unha quimera, pero hoxe miles de visitantes do Reino Unido e Irlanda viaxan cada ano a Galicia para descubrir as rutas xacobeas do Camiño Inglés e Fisterra-Muxía, completando parte das rutas nos seus países de orixe e outra parte na provincia da Coruña. Para os concellos polo que pasan estas rutas xacobeas o impacto económico é fundamental, xa que reciben miles de visitantes que axudan a desenvolver a economía e os negocios locais de pequenos concellos rurais".
Impacto económico do Camiño nos municipios rurais
No último ano, máis de 40.000 peregrinos completaron o Camiño Inglés (32.000 deles de forma oficial acreditado pola correspondente "Compostela"), o que o sitúa como a ruta xacobea de maior crecemento, por diante das clásicas como o Camiño Francés ou o Primitivo.
Ademais do valor espiritual, histórico e patrimonial, Formoso e Leira incidiron no importante impacto económico que o Camiño Inglés e Fisterra-Muxía supón tanto nos concellos coruñeses polos que transcorre como nas localidades británicas e irlandesas que están a recuperar estas tradicións. Segundo os datos expostos, o impacto económico do Camiño nos concellos coruñeses medra a un ritmo do 30% anual, superior aos 10 millóns de euros anuais, sobre todo en zonas rurais do interior da provincia.
Neste sentido, Bernardo Fernández destacou tamén outros beneficios directos que o Camiño supón para os concellos polos que discorren estas rutas na provincia: "Hai concellos como Pontedeume que teñen máis licenzas de rehabilitación no último ano que nos vinte anteriores grazas ao impulso do Camiño. Isto contribúe ao desenvolvemento do rural de forma sustentable".
A reunión tamén serviu para explorar posibles vías de cooperación académica, tanto co apoio da Global Office e do departamento de Social Anthropology da universidade escocesa, co obxectivo de promover desde A Coruña investigacións locais sobre os vínculos históricos e culturais entre as once rutas de peregrinación católica recoñecidas en Escocia e o Camiño de Santiago.
A Deputación xa colaborou en múltiples investigacións con institucións académicas como as universidades da Coruña (UDC), Durham, Newcastle, Oxford e Dublín, que serviron de base para o recoñecemento internacional do Camiño Inglés e para a construción dunha rede de cooperación sólida entre Galicia e os países de orixe dos peregrinos.
Once rutas de peregrinaxe en Escocia
A axenda tamén incluiu unha reunión con Nick Cooke, secretario da Scottish Pilgrim Routes Forum (SPRF), entidade que promove a recuperación e difusión de rutas históricas de peregrinación en Escocia.
No encontro analizáronse as 11 rutas espirituais e culturais recoñecidas actualmente polo SPRF, que conectan diversos puntos do país con antigos centros de culto, abadías e catedrais.
A delegación coruñesa e a escocesa compartiu experiencias de revitalización do patrimonio en comunidades rurais de ambos países, co obxectivo de identificar posibles paralelismos e conexións co Camiño Inglés e Fisterra-Muxía. Ambas partes coincidiron na necesidade de fomentar proxectos comúns que vinculen estas rutas dos países celtas a nivel internacional e contribúan a dinamizar os territorios desde o respecto ao patrimonio e á tradición das peregrinacións.
A axenda deste mércores inclúe unha reunión no consulado de España en Edimburgo con representantes do goberno español e escocés co obxectivo de buscar tamén o apoio das institucións escocesas a este proxecto.