A Deputación da Coruña organiza a II edición do obradoiro “Ler teatro” a partir do 18 de setembro coas actrices Melania Cruz, Lidia Veiga, Marta Lado e Cris Iglesias
• Fomentar a lectura de teatro en galego é o obxectivo do Obradoiro que promove o departamento de Cultura na Biblioteca Provincial
• Roberto Pascual será o coordinador das catro sesións con prazas limitadas e inscrición de balde a partir do próximo luns
• A última sesión estará dedicada á obra e figura de Manuel Lourenzo, falecido o pasado mes de agosto e dúas veces gañador do Premio Rafael Dieste

Fomentar a lectura de teatro en galego é o obxectivo do obradoiro que promove o departamento de Cultura da Deputación da Coruña ao abeiro do Premio Rafael Dieste baixo o título "Ler teatro: Obradoiro para novas experiencias lectoras". Trátase da segunda edición dun espazo lector creado en 2023 baixo a coordinación de Roberto Pascual, director artístico, profesor, divulgador cultural e gañador do Dieste coa obra "Sophie non é o meu nome de guerra".
O obradoiro comezará o xoves 18 de setembro na Biblioteca Provincial da Coruña e terá unha duración de catro sesións para experimentar con textos teatrais lendo, contextualizando e descubrindo escritoras e escritores das nosas letras e do noso proceso de emerxencia cultural.
Está dirixido a persoas interesadas en aproximarse ao teatro galego, á súa historia recente e experimentar a lectura de textos teatrais. A cita será semanal, ás 19:00 h, durante catro xoves: o 18 e 25 de setembro e o 2 e 9 de outubro. Nas sesións participarán as actrices e dramaturgas Lidia Veiga, Melania Cruz, Marta Lado e Cris Iglesias.
Ademais, a última sesión estará dedicada á obra e figura de Manuel Lourenzo, falecido o pasado mes de agosto, un dos actores e dramaturgos fundamentais do teatro galego e dúas veces gañador do Premio Rafael Dieste da Deputación da Coruña.
A inscrición é de balde con prazas limitadas ata 25 persoas. O prazo para inscribirse abre o próximo luns 8 de setembro a través do formulario online que se activará en https://dacoruna.gal/biblioteca/actividades/
PROGRAMA "Ler teatro: Obradoiro para novas experiencias lectoras"
Día 1. (18 de setembro) A historia da literatura dramática galega foi estudada por varios especialistas. Laura Tato, Manuel Vieites, Dolores Vilavedra ou Henrique Rabuñal, entre outros, ofreceron varias posibilidades de periodización e sistematización dos trazos formais da literatura galega recente. Leremos textos representativos dos diferentes períodos que van da Xeración de 1925 á que pertence Rafael Dieste até a época Abrente e as novas voces xurdidas arredor da ESAD, do novo Abrente, das xornadas impulsadas pola Asociación DramaturgA ou de novos certames coma o Laudamuco.
Convidada para lectura dramatizada: Lidia Veiga, actriz.
Día 2. (25 de setembro) Accións e intervencións, poesía, relato, trama e paisaxe. Como ler os diversos estilos teatrais? Unha peza pode ter unha estrutura en escenas, cadros, actos, capítulos... Pode ter personaxes ou voces, propor a construción de figuras de ficción ou de actantes-executantes. Pode contarnos unha historia ou recrear atmosferas e paisaxes. Pode ser un anaco de vida no teatro realista ou unha dilatación ou variación rítmica dunha situación ou ambiente no teatro máis simbolista. Pode ter unha trama secuencial ou fragmentada. A literatura dramática galega contemporánea ofrécenos todos eses exemplos. Leremos fragmentos de obras de Esther Carrodeguas, Roberto Salgueiro, Raúl Dans, Ana Abad de Larriva ou Avelina Pérez.
Convidada para lectura dramatizada: Melania Cruz, actriz.
Día 3. (2 de outubro) Ler os Premios Rafael Dieste. O Premio Rafael Dieste é todo un referente de prestixio no sistema teatral galego. Neste 2025 chegou á súa edición número XXII e grazas ao acordo de colaboración tamén coa ADE, dende hai uns anos conta cun impulso de tradución e edición bilingüe, con introducións críticas nas publicación desta Asociación de proxección estatal. Lecturas comentadas de fragmentos de Gustavo Pernas, Teresa Moure, Manuel Lourenzo e Roberto Vidal Bolaño.
Convidada para lectura dramatizada: Marta Lado, dramaturga e actriz.
Día 4. (9 de outubro) Lemos a Manuel Lourenzo, figura imprescindible do teatro galego e gañador en dúas ocasións do Premio Rafael Dieste.
Convidada para lectura dramatizada: Cris Iglesias, actriz.