Regueira defende no Foro Local do Turismo a xestión da Deputación nos PSTD
O vicepresidente resumiu en cinco puntos a actuación da institución provincial nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino: a colaboración institucional, as potencialidades do territorio coruñés, o enfoque na formación da comunidade, a transición dixital inclusiva e a capacidade de tecer redes con outros territorios do Estado e tamén internacionalmente

O Hotel OCA Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, acolleu esta a mañá o "Foro Local de Turismo de Galicia. Por unha xestión turística sostible, eficiente e consciente", organizado pola Federación Galega de Municipios de Provincias (FEGAMP) para sensibilizar sobre o valor social, cultural, político e económico do turismo.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, foi un dos relatores das tres mesas de debate da xornada, que analizaron a profunda transformación turística na que está inmersa a Unión Europea, quen, a través dos fondos Next Generation, busca minimizar os impactos negativos no medio ambiente e nos eidos locais, e garantir beneficios a longo prazo. Regueira interveu na terceira mesa, "As boas prácticas de Turismo sustentable no contexto dos fondos NextGenerationEU", que compartiu con Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vals Orientais, programa Experiencias; Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra; Ana Núñez, concelleira de Turismo de Tui, e a moderadora, Eva Gil, directora de proxectos da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural.
Na actualidade, en Galicia as entidades locais están a xestionar arredor de 100 millóns de euros de fondos Next Generation, destinados á transformación do modelo de xestión turística nunha aposta pola sostibilidade, a eficiencia enerxética, a dixitalización e a mellora da gobernabilidade.
Actuación provincial
Na súa intervención, Regueira defendeu a xestión da Deputación da Coruña nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino; nomeadamente esta mañá, no que a Deputación impulsa no Xeoparque Cabo Ortegal. No tocante aos retos e boas prácticas nos PSTD, o vicepresidente resumiu a actuación da institución provincial en cinco puntos: a colaboración institucional, as potencialidades do territorio coruñés, o enfoque na formación da comunidade, a transición dixital inclusiva e a capacidade de tecer redes con outros territorios do Estado e tamén internacionalmente.
"Non se trata de falar hoxe aquí dun plan no que estamos desenvolvendo un millón e medio de euros e que leva aparellado numerosos contratos", sinalou. "O primeiro aspecto no que afondamos moitísimo é en algo que para min, como demócrata, é moi importante: a colaboración institucional, deixando moitas veces aparte as casacas políticas de cada un", salientou.
Sobre as potencialidades do territorio, Regueira afirmou: "Fomos capaces de integrar a loxística do patrimonio do territorio nunha estratexia, unha estratexia; neste caso turística, pero que vai moito máis alá". "E fixémolo cun relato único", engadiu, "cun relato que dalgún xeito poñía no mesmo terreo de xogo o patrimonio xeolóxico, o patrimonio histórico, o patrimonio natural e tamén a gastronomía; porque estamos falando, ademais, dun plan que está dentro do Plan Enogastronómico de Galicia".
Tamén se referiu o vicepresidente ao enfoque na formación da comunidade: "Isto no consiste só en informar a comunidade, senón en facela partícipe, e sobre todo, protagonista, do propio plan, que para nós é fundamental. Se a comunidade non está implicada, dificilmente o plan vai ter éxito de cara ao futuro".
Ao falar da transición dixital inclusiva, Regueira puxo en valor o papel da muller. "Un día", dixo, "temos que facer un foro sobre o que significa a muller para o turismo en calquera ámbito". "O setenta por cento das persoas que estades hoxe aquí sodes mulleres", abundou, "e iso fala claramente do voso protagonismo; o mesmo protagonismo que ten falar de dixitalización se queremos acadar a sostibilidade, que é unha das nosas metas principais".
A outra gran conclusión positiva da xestión dos PSTD por parte da Deputación é, para Regueira, a capacidade de tecer redes con outros territorios do Estado e tamén internacionalmente. "Eu creo que o Xeoparque valeunos para ter coñecemento doutros destinos que xa estaban traballando, coma o de Ribeira Sacra-Courel, pero tamén coma outros territorios do Estado, coma os da costa vasca e Cataluña". "Un dos maiores éxitos do Xeoparque de Cabo Ortegal é que foi capaz de conformar comunidade, independentemente de que logo sexamos capaces de atraer cinco mil, dez mil ou quince mil visitantes, pois o importante non é o número, senón que sexamos quen de atraer aos que queremos atraer".