Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia á AVV Sandra Prego Rial de Santiago de Compostela cun proxecto pioneiro de tecnoloxía 4.0 para mellorar a empregabilidade no rural e barrios periféricos

A deputada Cristina Capelán visitou a entidade en Santiago para coñecer os novos recursos adquiridos con apoio provincial

A Deputación da Coruña apoia á AVV Sandra Prego Rial de Santiago de Compostela cun proxecto pioneiro de tecnoloxía 4.0 para mellorar a empregabilidade no rural e barrios periféricos

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou hoxe a Asociación de Veciños Sandra Prego Rial, situada na zona suroeste de Santiago de Compostela, para coñecer o proxecto tecnolóxico desenvolvido coa colaboración da institución provincial.

Grazas á subvención da Deputación, a entidade adquiriu equipamento tecnolóxico de última xeración, entre o que se inclúen unha impresora 3D de dobre extrusor, dous drons con cámara e catro ordenadores de sobremesa de altas prestacións. Este material permitirá impulsar accións formativas e actividades orientadas á inserción laboral da veciñanza, especialmente no ámbito do deseño gráfico, web, 3D, comunicación audiovisual e uso autónomo das novas tecnoloxías.

Durante a visita, Cristina Capelán destacou a "importancia de apoiar proxectos como este, que ofrecen oportunidades reais de formación a persoas de todas as idades". Subliñou tamén o compromiso da Deputación "co desenvolvemento inclusivo do rural e das periferias urbanas, poñendo ao alcance de toda a cidadanía ferramentas tecnolóxicas cun gran potencial para xerar oportunidades laborais".

A asociación, que traballa en colaboración coa ANPA do CEIP Ramón Cabanillas e cos centros socioculturais do Concello de Santiago, ten previsto organizar cursos para nenos, persoas mozas e persoas adultas —tanto en situación de desemprego como en busca de mellora profesional—, centrados en alfabetización dixital, impresión 3D, manexo de drons, ofimática, redes sociais e trámites electrónicos.

O novo material estará dispoñible tamén para outras entidades que desexen participar no programa, maximizando así o seu impacto social. A aula informática da entidade, aberta ao público, funcionará como espazo de acceso libre á tecnoloxía para a busca de emprego, o estudo ou a formación continua.