Estás en:Novas

As agrupacións de Protección Civil de Abegondo, Carballo, Mazaricos, Muros, Rianxo e Ribeira reciben scooters da Deputación da Coruña

As agrupacións de Protección Civil de Abegondo, Carballo, Mazaricos, Muros, Rianxo e Ribeira reciben scooters da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, fixeron entrega esta mañá de scooters a seis agrupacións de Protección Civil da provincia, co obxectivo de reforzar os medios materiais do voluntariado e facilitar a súa intervención en situacións de emerxencia ou en dispositivos preventivos.

As motos foron entregadas ás agrupacións dos concellos de Abegondo, Carballo, Mazaricos, Muros, Rianxo e Ribeira. A entrega realizouse no parque móbil da Deputación, coa presenza de representantes das agrupacións e responsables municipais, entre eles o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes.

O presidente Formoso subliñou que "a Deputación está comprometida co fortalecemento das agrupacións de Protección Civil da provincia, dotándoas de medios e formación para mellorar a súa resposta" e destacou a importancia de contar conmedios como estas scooters, que "permiten actuar con máis axilidade e eficiencia, especialmente en situacións nas que os vehículos convencionais teñen máis dificultades de acceso". Destacou tamén o apoio continuado da Deputación á actividade das agrupacións de Protección Civil, "esenciais para garantir a seguridade nos nosos concellos".

A deputada Cristina Capelán engadiu que se trata dun recoñecemento ao labor das agrupacións, "formadas por persoas voluntarias que dedican o seu tempo a coidar dos demais e contribuír á seguridade da veciñanza".

Esta acción enmárcase dentro da aposta da Deputación pola dotación de recursos materiais e formativos para o voluntariado de Protección Civil. Ao longo de 2025, a institución provincial destinou preto de 200.000 euros a investimentos e actividades das agrupacións de Protección Civil da provincia.