Estás en:Novas

Regueira pon en valor a liña de axudas ao patrimonio da Deputación para 2026

O vicepresidente participou hoxe en Celas de Peiro na presentación das xornadas 'O monte Xalo de Celas: un monte exemplar conservado ao longo da historia'

Destacou a importancia para o departamento de Turismo e para a toda a provincia da paisaxe e da gastronomía da contorna e o valor patrimonial da torre da parroquia culleredesa

Regueira pon en valor a liña de axudas ao patrimonio da Deputación para 2026

O vicepresidente da Deputación puxo en valor as axudas para o patrimonio

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, puxo en valor a liña de axudas ao patrimonio da institución provincial para 2026. Foi esta mañá no local social do parque da Torre de Celas de Peiro, en Culleredo, durante na presentación das xornadas 'O monte Xalo de Celas: un monte exemplar conservado ao longo da historia', sobre paisaxe cultural, memoria e xestión sostible. No acto participaron tamén o alcalde de Culleredo e deputado de Facenda e Persoal, José Ramón Rioobo, e os presidentes das entidades organizadoras do encontro, José Ramón Barbeito, da comunidade de montes veciñais en man común Xalo, e José Antonio Santiso, da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

«É un pracer», afirmou o vicepresidente na súa intervención, «estar nun emblema da provincia, a Torre de Celas de Peiro, declarado Ben de Interese Cultural en 1994, que forma parte dun conxunto que, por unha banda, ten patrimonio histórico e, por outra, é un dos emblemas paisaxísticos coruñés, o monte Xalo».

Destacou tamén o vicepresidente o esforzo de Xalo, «que custodia o territorio e loita por coidar o monte e pola recuperación da torre». «Para 2026», lembrou, «a Deputación vai ter unha liña de patrimonio, con subvencións entre 30 000 e 150 000 euros, que vai incluír patrimonio de titularidade municipal, coma é o caso desta torre, que agardo que reciba as axudas para que o ano que vén avancen os traballos para a súa recuperación e para que poida acoller ese museo etnográfico que mantivo durante anos e que agora, polo seu estado de conservación, non pode albergar».

Para a área de Turismo provincial, segundo Regueira, «a paisaxe e gastronomía son factores fundamentais que están representados nesta contorna e nesta torre». «Estamos falando», engadiu, «dunha parroquia rural, dunha redonda produtiva de alimentos de primeira calidade, dentro dunha Reserva da Biosfera que é un selo de moitísima importancia no ámbito internacional e tamén para a marca turística da Deputación e para esa 'Paisaxe que sabe'».

Rematou Regueira afirmando que todos eses valores son os que lle permiten ao seu departamento «estruturar unha tipoloxía de turismo diferente, de enorme calidade, con persoas que veñen non só a desfrutar, senón a ter unha experiencia de territorio; conceptos que nos interesan porque serven para desestacionalizar e xestionar os fluxos e que non se masifiquen espazos que xa todo o mundo coñece».

O proxecto
As xornadas serviron para difundir o labor de conservación realizado pola comunidade de montes Xalo e presentar o proxecto de recuperación da Torre, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994, que se prevé converter nun centro de interpretación turístico, cultural, ambiental e social ligado ao monte.

Os traballos que se están a desenvolver na zona buscan non só a conservación do patrimonio histórico, senón tamén a creación dun espazo que permita aos visitantes coñecer a riqueza cultural, natural e social deste territorio único, consolidando o monte Xalo como un referente de xestión sostible e comunitaria dos montes veciñais galegos.

A Torre de Celas de Peiro é, probablemente, o último testemuño arquitectónico dunha fortaleza da que se ignoran as súas orixes, aínda que parece que no século XIV xa estaba erguida e habitada. Atópase preto doutros monumentos de interese da contorna do monte Xalo, o gran pulmón verde da comarca, que se estende polos municipios de Culleredo, Carral, Cerceda e A Laracha, pertence ao territorio da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O monte, dunha gran diversidade de flora e fauna na que as aves forestais teñen un gran protagonismo, é un lugar único desde o punto de vista ecolóxico e antropolóxico. Monumentos megalíticos e caprichosas formas xeolóxicas contribuíron a crear múltiples lendas que converten o Xalo nun referente da mitoloxía local e comarcal.