A Deputación participa nas Pontes nunha xornada para mellorar a sustentabilidade das explotacións de vacún de carne
A deputada de Medio Rural, Cristina Capelán, destaca que a actividade enmárcase na aposta da Deputación pola profesionalización, a innovación e a sustentabilidade das explotacións gandeiras
A Deputación da Coruña continúa demostrando o seu firme compromiso coa dinamización e o futuro do rural, apoiando iniciativas que melloran a capacitación dos profesionais do sector e contribúen á sustentabilidade das explotacións. Nesta liña, a entidade provincial financiou e apoiou a celebración da xornada "Xestión técnico-económica en vacún de carne con pastoreo". O encontro formativo impartido por Boaga, Federación de razas autóctonas de Galicia, tivo lugar no centro de Interpretación A Mina, no concello de As Pontes.
A inauguración contou coa presenza de Cristina Capelán, deputada de Mar e Medio Rural, quen subliñou que a Deputación "non só aposta polo rural, senón que actúa de maneira decidida para reforzar o seu tecido produtivo, apoiando ás familias gandeiras e poñendo en valor o traballo esencial que realizan para todo o noso territorio".
A xornada, que conta co apoio económico da Deputación no marco do seu programa de promoción das razas autóctonas e formación dos gandeiros, forma parte dunha estratexia máis ampla destinada a mellorar a profesionalización do sector, impulsar a innovación e reforzar a sustentabilidade das explotacións.
"Con este tipo de accións, a Deputación da Coruña continúa apostando polo rural, poñendo os recursos públicos ao servizo das persoas que viven e traballan nel", subliñou a deputada.
