Un total de 91 ANPAS da provincia solicitan as novas axudas da Deputación da Coruña para estas entidades
A liña conta cun orzamento de 250.000 euros para apoiar ás ANPAS de centros educativos públicos na organización de actividades durante 2026
A deputada de Educación destaca a elevada demanda desta primera convocatoria
Un total de 91 asociacións de nais e pais (ANPAS) dos centros educativos públicos da provincia da Coruña concorreron á nova convocatoria de axudas da Deputación para a realización de actividades ao longo de 2026. O programa conta cun orzamento total de 250.000 euros.
A convocatoria ten como obxectivo apoiar o labor que desenvolven as ANPAS como axentes fundamentais da comunidade educativa, fomentando actividades complementarias á educación regrada e promovendo a participación das familias na vida escolar.
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e permitirán financiar proxectos e actividades de carácter educativo, formativo, cultural e de lecer, así como iniciativas de conciliación da vida familiar e laboral, actividades extraescolares, saídas didácticas, accións de reforzo educativo, encontros formativos e actuacións orientadas á inclusión, á igualdade de oportunidades, ao uso da lingua galega e ao respecto polo medio ambiente.
Cada ANPA poderá recibir unha subvención de entre 1.500 e 10.000 euros, cun coeficiente de financiamento que oscila entre o 20 % e o 80 % do orzamento subvencionable. As actividades deberán desenvolverse ao longo do ano natural 2026.
A deputada de Educación, Yoya Neira, destacou que "esta nova convocatoria reflicte a aposta firme da Deputación da Coruña por unha educación pública de calidade que vai máis alá das aulas, recoñecendo o papel esencial que xogan as ANPAS no acompañamento educativo e na conciliación".
Neira subliñou tamén a alta participación rexistrada nesta primeira edición da convocatoria: "O feito de que se presentasen 91 solicitudes demostra a necesidade de seguir apoiando o traballo das ANPAS".
A deputada puxo en valor, ademais, o enfoque social e inclusivo das bases: "Falamos dunha convocatoria que promove valores fundamentais como a igualdade, a inclusión, e a participación comunitaria, aspectos que forman parte do modelo educativo que defendemos desde a Deputación".
