O instituto de Neda acolleu a primeira representación da obra teatral “Papel 2.0” contra o acoso escolar
A iniciativa da Deputación da Coruña levará esta proposta escénica a seis centros educativos da provincia durante esta semana
O IES Fernando Esquío de Neda acolleu esta mañá a primeira representación de Papel 2.0, a obra teatral promovida pola Deputación da Coruña para previr e concienciar sobre o acoso escolar entre a mocidade. O espectáculo marca o inicio dun programa que, entre os días 12 e 16 de xaneiro, percorrerá seis institutos de educación secundaria obrigatoria da provincia.
O alumnado de Neda foi o primeiro en asistir a esta proposta escénica da compañía Ventrículo Veloz, que utiliza o teatro como ferramenta educativa para fomentar a reflexión crítica, o diálogo e a empatía arredor do bullying nas aulas. Tras a función, o estudantado participou nun coloquio co elenco artístico, no que puido compartir impresións e debater sobre as situacións expostas na obra.
Escrita e dirixida por Jose Padilla, Papel 2.0 aborda a violencia do acoso escolar cunha linguaxe próxima ao público adolescente e cun ton de humor ácido que non evita o incómodo. A partir dun feito aparentemente trivial —o lanzamento de rolos de papel hixiénico nunha aula— a peza constrúe un relato fragmentado que amosa como se banaliza o acoso escolar desde diferentes ámbitos: o alumnado, as familias, o profesorado, os medios de comunicación e as redes sociais.
O espectáculo incorpora referencias culturais propias das novas xeracións —como TikTok, Fortnite, a cultura gamer, os memes ou o streaming— para conectar directamente coa realidade cotiá da mocidade e provocar unha experiencia tan lúdica como reflexiva.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, salientou que esta iniciativa "forma parte do compromiso da Deputación coa erradicación de conductas como o acoso escolar, apostando pola cultura como unha ferramenta eficaz de concienciación e transformación social entre a xente nova".
Pola súa banda, a deputada de Educación, Yoya Neira, destacou que "a prevención do acoso escolar require accións continuadas e compartidas, e proxectos como Papel 2.0 axudan a que o alumnado identifique estas situacións, reflexione sobre elas e aprenda a rexeitalas desde o respecto e a empatía".
Tras a estrea en Neda, Papel 2.0 representarase nos próximos días en centros educativos de ESO de Sada, Oleiros, Carballo, Oroso e A Pobra do Caramiñal, completando así unha xira provincial que achega o teatro contemporáneo aos institutos como ferramenta de educación en valores.
