Estás en:Novas

A obra teatral “Papel 2.0” chega a Sada e Oleiros para concienciar á mocidade contra o acoso escolar

A obra teatral “Papel 2.0” chega a Sada e Oleiros para concienciar á mocidade contra o acoso escolar

A Deputación da Coruña continuou hoxe en Sada e Oleiros a xira provincial da obra teatral Papel 2.0, unha proposta escénica dirixida ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria que ten como obxectivo previr e concienciar sobre o acoso escolar a través do teatro contemporáneo.

O Auditorio do Concello de Sada acolleu esta mañá unha das representacións do espectáculo, mentres que o IES María Casares de Oleiros foi escenario doutra función dirixida ao alumnado do centro. A representación celebrada en Oleiros contou coa asistencia da deputada de Educación da Deputación da Coruña, Yoya Neira, que acompañou á comunidade educativa nesta iniciativa de sensibilización.

A obra, producida pola compañía Ventrículo Veloz e escrita e dirixida por Jose Padilla, utiliza unha linguaxe próxima ao público adolescente e un ton de humor ácido para abordar de maneira directa e sen edulcorantes a realidade do bullying nas aulas. A partir dun feito aparentemente trivial —o lanzamento de rolos de papel hixiénico nunha clase— a peza constrúe un relato fragmentado que amosa como o acoso escolar se banaliza desde diferentes ámbitos.

Tras as funcións, o alumnado participou nun coloquio co elenco artístico, no que puido compartir impresións e reflexionar sobre as situacións expostas na obra, favorecendo o diálogo, a empatía e a toma de conciencia colectiva.

A deputada de Educación, Yoya Neira, destacou que "a prevención do acoso escolar require accións continuadas e compartidas, e proxectos como Papel 2.0 permiten que o alumnado identifique estas situacións, reflexione sobre elas e aprenda a rexeitalas desde o respecto e a empatía".

Papel 2.0 incorpora referencias culturais propias das novas xeracións —como TikTok, Fortnite, a cultura gamer, os memes ou o streaming— para conectar coa realidade cotiá da mocidade e provocar unha experiencia tan lúdica como reflexiva.

Tras o inicio da xira esta semana en Neda, Sada e Oleiros, a iniciativa continuará nos próximos días en centros educativos de Carballo, Oroso e A Pobra do Caramiñal, completando un programa que leva o teatro aos institutos da provincia como ferramenta de educación en valores e prevención do acoso escolar.