Estás en:Novas

O instituto de Oroso acolleu a representación da obra teatral “Papel 2.0” contra o acoso escolar

O instituto de Oroso acolleu a representación da obra teatral “Papel 2.0” contra o acoso escolar

O IES de Oroso acolleu esta mañá a representación de Papel 2.0, a obra teatral promovida pola Deputación da Coruña para previr e concienciar sobre o acoso escolar entre a mocidade. O espectáculo percorre durante esta semana seis institutos de educación secundaria obrigatoria da provincia. A representación de hoxe contou coa asistencia do deputado provincial Antonio Leira.

O alumnado de Oroso gozou da proposta escénica da compañía Ventrículo Veloz, que utiliza o teatro como ferramenta educativa para fomentar a reflexión crítica, o diálogo e a empatía arredor do acoso escolar nas aulas. Tras a función, o estudantado participou nun coloquio co elenco artístico, no que puido compartir impresións e debater sobre as situacións expostas na obra.

Escrita e dirixida por Jose Padilla, Papel 2.0 aborda a violencia do acoso escolar cunha linguaxe próxima ao público adolescente e cun ton de humor ácido que non evita o incómodo. A partir dun feito aparentemente trivial —o lanzamento de rolos de papel hixiénico nunha aula— a peza constrúe un relato fragmentado que amosa como se banaliza o bullying desde diferentes ámbitos: o alumnado, as familias, o profesorado, os medios de comunicación e as redes sociais.

O espectáculo incorpora referencias culturais propias das novas xeracións, como TikTok, Fortnite, a cultura gamer, os memes ou o streaming, para conectar directamente coa realidade cotiá da mocidade e provocar unha experiencia tan lúdica como reflexiva.

Papel 2.0 representouse estes días en centros educativos de ESO de Neda Sada, Oleiros, Carballo e Oroso e completa mañá na Pobra do Caramiñal, nunha xira provincial que achega o teatro contemporáneo aos institutos como ferramenta de educación en valores.