Estás en:Novas

Sol Agra salienta o carácter colaborativo e o récord de participación da novena edición dos Premios Youtubeiras+

A deputada de Lingua destaca que esta iniciativa amosa unha capacidade de unión fundamental para o galego e pon o foco na mocidade e nos espazos dixitais

O certame bate récord de participación con 126 canles e a gala final terá lugar o vindeiro 7 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol

Sol Agra salienta o carácter colaborativo e o récord de participación da novena edición dos Premios Youtubeiras+

A novena edición dos Premios Youtubeiras+ xa ten finalistas. Un total de 28 canles competirán polos sete galardóns dun certame que volve bater a súa marca histórica de participación, cun total de 126 inscritas. A gala de entrega de premios celebrarase o vindeiro 7 de febreiro no Teatro Jofre de Ferrol e o acceso será libre até completar a capacidade.
Os Premios Youtubeiras+ están organizados polos servizos de normalización lingüística de varios concellos galegos, polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e mais pola Deputación da Coruña, entidade que forma parte da organización desde a primeira edición e que financia cada ano a gala de entrega.

A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís, Sol Agra, agradeceu a implicación do Concello de Ferrol no proxecto e a cesión do Teatro Jofre como escenario da gala. Asemade, puxo en valor a capacidade de Youtubeiras+ para «unir administracións, entidades e persoas ao redor da normalización do galego». Segundo sinalou, o certame «abre un camiño de futuro para a lingua» ao poñer o foco na mocidade e nos espazos virtuais.

Lembrou que Youtubeiras+ é un «proxecto vivo» que evoluciona ao mesmo ritmo que a comunidade creadora de contidos en internet e explicou que desta vez se premian sete categorías: Canle, Creación de contidos, Pódcast, Calidade lingüística, Revelación, Rede e Premio do Público. As dúas primeiras contan cunha dotación de 1.250 euros e o resto con premios de 1.000 euros, ata repartir un total de 7.500 euros.

Entre as novidades, destacou a creación do Premio ao Mellor Pódcast, unha categoría que quere recoñecer o papel crecente deste formato para a lingua galega e que marcará tamén o formato da gala, concibida como a gravación ao vivo dun episodio especial do Pódcast Youtubeiras+.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, salientou a importancia da colaboración entre institucións para facer posíbel o proxecto e subliñou o valor de iniciativas que conectan a lingua galega coas novas xeracións. Na súa intervención, a concelleira de Política Lingüística, Patricia Cons, congratulouse pola alta participación, con 126 canles concorrentes, e referiuse tamén ao Premio do Público, no que se presentaron 49 propostas e se contabilizaron 2.326 votos.

A cerimonia de entrega de premios comezará ás 19:00 horas e estará conducida por Carlos Vieito, de Exército Mekemeke, e Leila Fernández, d'O Faiado Pódcast. Os billetes poden retirarse de balde a través da plataforma ataquilla.com ou no despacho do Teatro Jofre o propio día da gala.

Sol Agra quixo tamén poñer en valor o traballo do xurado responsábel de escoller as persoas finalistas e gañadoras desta edición, cuxo ditame se coñecerá durante a gala do 7 de febreiro, e convidou a cidadanía a participar nesta «gran festa da lingua nas redes».