Formoso destaca que a Deputación “inviste máis nos concellos coruñeses que a Xunta nos de toda Galicia” e reclama mellorar o financiamento municipal
Oleiros acolleu o acto de presentación do POS+2026, que comeza o ano cun investimento de 20,18 millóns de euros nos concellos da comarca da Coruña
O Plan Único acumula un investimento de 186,5 millóns de euros e 926 obras nos muncipios da área coruñesa desde a súa creación
García Seoane destaca a importancia da Deputación para a supervivencia dos concellos e censura aos que gobernan con criterios partidistas
A deputada de Plans, Cristina García, destaca que o POS+ ten maior impacto nos concellos máis pequenos
A Deputación da Coruña inicia o exercicio 2026 cunha cifra récord de investimento nos concellos das comarcas da Coruña e As Mariñas a través do Plan Único (POS+2026), que destina este ano 20.180.578,46 euros aos 21 municipios da área. Trátase da maior achega inicial desde a posta en marcha do plan en 2017.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Oleiros, onde foi recibido polo alcalde e deputado provincial, Ángel García Seoane. No encontro participou tamén a deputada de Plans, Cristina García. A visita serviu para facer balance do impacto comarcal do Plan Único, tanto no municipio anfitrión como no conxunto da área coruñesa.
Formoso destacou que o Plan Único volve marcar unha cifra histórica e consolídase como o principal instrumento de cooperación económica cos concellos. O presidente subliñou que este modelo permite que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos, xa sexa para financiar obras, reforzar servizos municipais ou impulsar políticas sociais. "Falamos de investimentos en estradas, abastecemento e saneamento, iluminación pública, mellora de espazos públicos ou equipamentos culturais e deportivos, pero tamén de garantir o funcionamento diario dos servizos públicos municipais que disfruta a veciñanza e atender as persoas que máis o precisan", afirmou o presidente, que incidiu en que as premisas do POS son a obxectividade na asignación de fondos o principio de autonomía local.
"Cando chegamos ao goberno da Deputación, había unha partida de 24,5 millóns de euros para este fin e o no exercicio de 2025 pechamos cun récord absoluto de 138 millóns de euros, pero o máis salientable é que esta cifra supera en 20 millóns de euros ao que aporta a Xunta de Galicia para os 313 concellos galegos", afirmou Formoso, que remarcou que estas cifras indican que "a Deputación da Coruña inviste máis nos concellos da provincia que a Xunta en todos os concellos galegos", polo que reclamou á administración autonómica elevar ata un mínimo de 200 millóns de euros o Fondo Galego de Cooperación Local para rematar con esta situación.
Formoso destacou que a primeira achega do POS+2026 suporá unha inxección económica de 20,1 millóns para os 21 concellos da comarca da Coruña, que suman un investimento acumulado de 186,5 millóns de euros e 926 obras realizadas desde a posta en marcha do Plan Único.
Maior impacto nos concellos máis pequenos
A deputada de Plans, Cristina García, considerou que as cifras avalan que "o Plan Único foi unha decisión acertada, que funciona e ten sentido nun territorio coma o noso, que ten concellos desde 1.000 habitantes ata grandes cidades, dando resposta ás diferentes necesidades".
Neste sentido, destacou que aínda que as cifras dos concellos máis grandes son maiores, "o impacto do POS+ é maior proporcionalmente nos concellos máis pequenos nun momento no que para os concellos é difícil soster os servizos máis básicos" e incidiu en que "demostra que hai outra forma de facer política".
Pola súa banda, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, destacou a importancia clave das deputacións para a "supervivencia da maior parte dos concellos de Galicia", que moitas veces carecen de recursos. "Se non houber deputacións, moitos deses concellos terían que estar cerrados", afirmou.
García Seoane censura os que gobernan con criterios partidistas
"Pero falando de deputacións, non é igual que goberne Xan que Pedro. Porque cando gobernaba o PP, Oleiros non recibía un peso da Deputación e cando o facía era porque tiñan que darllo. Antes ese diñeiro ía só para determinados concellos", afirmou García Seoane, que censurou aqueles que gobernan "só para os meus".
"O PP quere volver a gobernar a Deputación; mal llo vexo, para seguir con máis do mesmo. Estámolo vendo en axudas que saca a Xunta que se abren ás nove da noite e ás doce acaba o prazo para inscribirse, pero quen sabía que se abría o prazo? Sabíano os que o sabían e o resto quedamos fóra de xogo", afirmou. "Eu quero deputacións como esta, non como as que queren algúns, que xa están botando números, pero non lles saen"
186 millóns mobilizados e 926 obras realizadas nos concellos da comarca coruñesa
Desde a súa creación, o Plan Único leva mobilizados 186.520.249,75 euros nos concellos das comarcas da Coruña e As Mariñas, financiando 926 obras e numerosos servizos municipais e programas sociais.
Entre os municipios que reciben maior achega no POS+2026 destacan Arteixo, con 2.179.029,12 euros; Oleiros, con 2.078.321,50 euros; Culleredo, con 1.861.687,17 euros; Cambre, con 1.524.430,96 euros; e Oza-Cesuras, con 1.380.970,30 euros. O reparto realízase en base a criterios obxectivos como a poboación, a superficie e as necesidades de cada concello.
Tras o acto institucional na Casa do Concello, o presidente, o alcalde e a deputada visitaron as obras de acondicionamento e pavimentación das rúas Vila, Atochas e Campo do Souto, na parroquia de Iñás, cun percorrido total de case 1,5 quilómetros.
As vías presentaban problemas de pavimento e deficiencias na drenaxe, polo que se procedeu á renovación integral do firme e da rede de sumidoiros para mellorar a seguridade e a evacuación das augas pluviais. Esta actuación forma parte das obras financiadas polo Plan Único en Oleiros, que permitiron modernizar infraestruturas e reforzar os servizos municipais.
INVESTIMENTOS E NÚMERO DE OBRAS DO PLAN ÚNICO NA COMARCA DA CORUÑA E AS MARIÑAS
Abegondo
POS+ 2026: 982.199,98 €
Total 2017-2026: 8.777.263,95 €
Número de obras: 59
Aranga
POS+ 2026: 766.910,96 €
Total 2017-2026: 6.876.984,15 €
Número de obras: 31
Arteixo
POS+ 2026: 2.179.029,12 €
Total 2017-2026: 19.372.999,33 €
Número de obras: 25
Bergondo
POS+ 2026: 729.724,06 €
Total 2017-2026: 6.333.030,15 €
Número de obras: 30
Betanzos
POS+ 2026: 888.533,04 €
Total 2017-2026: 8.806.497,35 €
Número de obras: 50
Cambre
POS+ 2026: 1.524.430,96 €
Total 2017-2026: 14.535.562,98 €
Número de obras: 67
Carral
POS+ 2026: 729.599,01 €
Total 2017-2026: 6.922.430,37 €
Número de obras: 51
Coirós
POS+ 2026: 438.512,99 €
Total 2017-2026: 3.886.019,66 €
Número de obras: 34
A Coruña
POS+ 2026: 371.678,13 €
Total 2017-2026: 4.438.536,38 €
Número de obras: 26
Culleredo
POS+ 2026: 1.861.687,17 €
Total 2017-2026: 18.385.478,80 €
Número de obras: 61
Curtis
POS+ 2026: 836.492,35 €
Total 2017-2026: 7.396.272,78 €
Número de obras: 50
Irixoa
POS+ 2026: 550.977,55 €
Total 2017-2026: 5.277.944,07 €
Número de obras: 52
Mesía
POS+ 2026: 819.145,34 €
Total 2017-2026: 7.459.162,17 €
Número de obras: 57
Miño
POS+ 2026: 705.539,73 €
Total 2017-2026: 6.226.320,24 €
Número de obras: 18
Oleiros
POS+ 2026: 2.078.321,50 €
Total 2017-2026: 17.895.655,80 €
Número de obras: 46
Paderne
POS+ 2026: 519.089,47 €
Total 2017-2026: 4.788.856,66 €
Número de obras: 30
Sada
POS+ 2026: 1.092.202,19 €
Total 2017-2026: 10.302.648,91 €
Número de obras: 48
Sobrado
POS+ 2026: 831.521,55 €
Total 2017-2026: 7.570.449,42 €
Número de obras: 47
Vilarmaior
POS+ 2026: 384.264,24 €
Total 2017-2026: 3.659.020,78 €
Número de obras: 32
Vilasantar
POS+ 2026: 509.748,82 €
Total 2017-2026: 4.749.198,48 €
Número de obras: 32
Oza-Cesuras
POS+ 2026: 1.380.970,30 €
Total 2017-2026: 12.859.917,32 €
Número de obras: 80
TOTAL COMARCAL
POS+ 2026: 20.180.578,46 €
Total 2017-2026: 186.520.249,75 €
926 obras
