González Formoso supervisa o reinicio das obras de humanización na estrada DP-5604 en San Campio, Outes
O ente provincial dedica 348.649 euros para construír novas beirarrúas de lousa hidráulica e pavimentar a estrada, incrementando a seguridade peonil da veciñanza da zona
O presidente e o alcalde visitaron as melloras financiadas pola Deputación na rúa Capela, unha das 56 obras do Plan Único no municipio
O presidente provincial e o alcalde de Outes definiron o Plan Único como "indispensable" para os concellos, que gozan da capacidade e autonomía para decidir que obras financiar con estes fondos atendendo ás súas prioridades
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá o reinicio das obras de humanización e mellora da seguridade da avenida de San Campio, na estrada provincial DP-5604, en Outes.
Acompañado polo alcalde do municipio, Manuel González López, o presidente provincial desprazouse ata esta vía de acceso principal á Serra de Outes para supervisar os traballos a partir dos que se construirán novas beirarrúas, co fin de garantir unha maior seguridade aos peóns neste tramo urbano do municipio. Tamén se dotará a este tramo da estrada, que vai desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 0+340, dunha nova capa de rodaxe.
González Formoso trasladou no encontro as desculpas á veciñanza pola demora no comezo dos traballos, que se retoman despois da parálise que sufriron hai uns anos debido ao incumprimento do proxecto por parte da anterior empresa contratista. "Pedimos perdón aos veciños e veciñas, e quero explicarlles que a parte difícil que fai a Deputación para obter os recursos económicos despois se viu truncada porque as empresas ás veces non cumpren coas súas obrigas".
A Deputación redactou un novo proxecto técnico, que se aprobou no ano 2020 e que incluíu novas melloras con respecto ao orixinal, acordadas polo departamento de Vías e Obras da Deputación e o Concello de Outes. "Agardamos que completar a obra antes de seis meses, é unha mostra do compromiso histórico da Deputación coa vila de Outes", remarcou Formoso.
O rexedor do municipio, González López, agradeceu a visita do presidente provincial e sinalou que "a Deputación é un piar clave para os Concellos pequenos á hora de realizar investimentos. Estamos diante dunha obra moi desexada, nunca é tarde se a dita e boa, neste caso tardou, soubemos deses problemas, pero fomos capaces entre todos de desatascala".
O proxecto conta cun orzamento provincial de 348.649 euros e suporá unha importante mellora na seguridade da veciñanza que reside na contorna, sobre todo a que transita a pé, e permitirá, do mesmo modo, mellorar a estética da travesía principal da localidade.
O pavimento das beirarrúas estará formado por lousa hidraúlica sobre base de formigón e lastro artificial. En canto ao pavimento da estrada, executarase con mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor, previo fresado e reparación do firme nas zonas onde se atope máis deteriorado.
As obras renovarán os servizos de saneamento e abastecemento de auga, recollida de pluviais e canalización da iluminación, así como a reposición da sinalización horizontal e vertical. As redes dos servizos de saneamento, abastecemento e iluminación instalaranse baixo as beirarrúas e a de pluviais baixo as zonas de aparcamento. As tarefas sinaladas contan cun prazo de execución de seis meses.
A Deputación executa 56 obras en Outes a través do Plan Único, que investiu 4,5 millóns e medio no municipio
González Formoso trasladou no encontro que a Deputación leva investidos 7,6 millóns de euros en obras en infraestruturas en Outes, das que as máis importantes son as do Plan Único, que permitiu realizar un total de 56 actuacións por importe de 4,5 millóns de euros. Entre elas destaca a humanización da rúa da Capela, unha das principais zonas comerciais do municipio.
O presidente provincial e o alcalde visitaron durante a xornada este lugar, que agora conta con mellores prestacións e maior seguridade para a veciñanza, mellorando así o seu benestar e comodidade. A vía conta cunha estrada renovada, novos servizos soterrados e unha mellor estética.
O Plan Único constitúe desde a súa creación unha ferramenta indispensable para os Concellos da provincia, que gozan da capacidade e autonomía para decidir que obras financiar con estes fondos atendendo ás súas prioridades e ás necesidades da veciñanza. "O Plan Único deixa unha importante marxe de autonomía aos propios concellos e iso permite realizar actuacións todos os anos en distintos lugares, pero tamén levar a cabo accións ambiciosas dentro do proxecto de humanización que temos para a vila da serra de Outes", recalcou o alcalde González López.